ை A burocracia da lei de costas

Imaxe lavozdegalicia.es

Imaxe lavozdegalicia.es

O escaso alcance da reforma da Lei de Costas mantén a inseguridade xurídica dos donos de miles de vivendas en centos de aldeas moi anteriores a esa norma.

Galiza segue agardando por unha solución para os seus núcleos mariñeiros que, a pesar das expectativas creadas hai dous anos, non atopou na reforma da Lei de Costas. O seu percorrido quedouse moi curto, e provocará notables diferenzas entre os propietarios de vivendas nos pobos que vexan a súa situación normalizada e nos que non se beneficien da revisión. Estes seguirán padecendo unhas restricións nas obras que poden realizar nas súas casas moito máis estritas que as que fixa a reforma nas aldeas regularizadas. Pero as que pasaron ese embude á primeira son excepcións. Tan só 14 asentamentos dos 176 repartidos en 34 dos 45 concellos que tramitaron as súas solicitudes en prazo beneficiáronse, entre eles, Marín, Muros, Baiona, Nigrán, Gondomar e O Rosal. A penitencia continúa para miles de afectados no resto dos 800 núcleos rurais que a Xunta calculou que poderían ver resoltos os seus problemas.

O cambio legal

As condicións. A reforma da Lei de Costas que o PP aprobou en solitario no 2013 suscitou unha ampla contestación política e social. Entendíase que favorecía a amnistía de miles de vivendas en primeira liña de praia e abría a man a novas aberracións urbanísticas nas zonas con maior presión edificatoria. Era o punto de vista das comunidades do mediterráneo. Non o de Galiza. Aquí a cuestión non é indultar chiringuitos nin desmáns urbanísticos, senón procurar un recoñecemento legal a centenares de pobos pesqueiros que xa existían moito antes de que a norma de Costas (1988) delimitase os ámbitos de protección. Eses núcleos non tiñan a cualificación de chan urbano, unha situación que está na orixe das restricións a esas vivendas.

Para liquidala, a reforma legal habilitou a opción de rebaixar a zona de servidume de protección de 100 metros terra dentro desde o límite interior da ribeira do mar a 20. Os concellos deben acreditar que esas aldeas estaban en áreas consolidadas pola edificación en polo menos un terzo da súa superficie e que, en 1988, contaban con acceso rodado, abastecemento e evacuación de augas residuais e subministración eléctrica. Das 176 que sumaban os 34 concellos sobre cuxas solicitudes xa se pronunciou Costas, 69 foron excluídas por non cumprir esa dobre esixencia.

O embude

Falta de medios e desidia. A reforma picou na súa aplicación en Galicia por tres motivos principais. A maioría dos concellos carecen de medios técnicos para responder a un proceso legal tan complexo, sobre todo, en ámbitos caracterizados por unha elevada dispersión. O reto é aínda maior nos municipios que carecen de plan urbanístico. Só 39 dos 75 que teñen asentamentos xunto ao mar contan con PXOM aprobado, aínda que a maioría dos que carecen de plan están a tramitalo ou o teñen contratado. Pero outros se inhibiron ou deixaron os trámites para última hora.

Por ese atraso, Medio Ambiente ten sen resolver os expedientes de 11 concellos e as reclamacións de 8. Ante as queixas dos alcaldes, a Xunta ofreceu os seus servizos técnicos aos municipios, por agora con escasa repercusión, para que o maior número de poboacións poida beneficiarse dunha reforma contra a que o Tribunal Superior de Xustiza admitiu a trámite un contencioso da Illa, un dos concellos máis afectados.

Ámbitos de protección

En propiedade ou en concesión. A incidencia da Lei de Costas nos bens que se atopan no dominio público terrestre afecta a dous ámbitos principais de protección. O máis restritivo corresponde á franxa situada a menos de 20 metros do límite interior da ribeira do mar. As vivendas que foron construídas legalmente nese terreo do Estado manteñen as mesmas condicións coa reforma. Pero non son bens en réxime de propiedade, porque están suxeitos a concesións estatais. En cambio, os que se atopan na área que vai desa franxa ata os 100 metros terra dentro si son propiedades privadas. Nos tramos litorais que xa estivesen clasificados como urbanos ou tivesen un plan parcial aprobado antes de 1988, a anchura dese ámbito rebáixase a 20 metros. Tamén nos núcleos favorecidos pola reforma da lei.

As obras permitidas

Reformas limitadas, novas edificacións prohibidas. Como calquera outra vivenda privada, as situadas na franxa de 100 metros poden ser rexistradas, hipotecadas, arrendadas, vendidas e herdadas. Pero as obras están restrinxidas. A servidume de protección limita as reformas ás propias de mantemento do inmoble, e non poden implicar en ningún caso un aumento do seu volume, altura ou superficie. A lei prohibe edificar en dominio público. Dentro da franxa de 20 metros, as vivendas e usos industriais están suxeitas a unha concesión estatal por un prazo que a reforma amplía a 75 anos. Esa concesión, que leva o abono previo dun canon á Administración do Estado, é transmisible. As obras non autorizadas son obxecto de sanción.

Problemas coa lei de costas

Máis de 400 vivendas con concesión. A zona de protección máis restritiva é a situada a menos de 20 metros da ribeira do mar. No litoral galego hai 424 vivendas nese chan de propiedade estatal: 198 na provincia de Pontevedra, 188 na da Coruña, e 38, na de Lugo. Os habitantes desas casas dispoñen dunha concesión do Estado, que decide e autoriza que obras mínimas poden realizar. Pero a maior ocupación dese chan en Galiza é industrial, con 367 actividades das que 21 son hoteis. O caso máis relevante é o de Ence, pendente dunha prórroga da concesión polo emprazamento que ocupa na ría de Pontevedra, que caduca no 2018. Coa reforma, que descarta prórrogas automáticas, a Xunta ten a última palabra.

Rubens Rocha [@IlCanallaRubens]

Fonte [aquí]

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: