Esiximos o dereito a decidir como pobo galego sobre o CETA e opoñémonos á súa aplicación provisional

Sánchez_Senra_RdPCETA1-768x486

  • Lídia Senra e Antón Sánchez advertiron en rolda de prensa na mañá do venres 8 das perigosas repercusións que tería a aprobación do CETA
  • Ábrese un calendario no que dende a cidadanía e as organizacións sociais cómpre presionar aos Estados para parar o acordo UE-Canadá

Compostela, 08 de Xullo 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, e o coordinador nacional de Anova e vicevoceiro de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez, ofreceron na  mañá de hoxe unha rolda de prensa no Parlamento Galego para abordar a repercusión que unha aprobación definitiva do CETA (Comprehensive Economic and Trade Agreement/Tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Canadá) conlevaría para Galiza.

Renunciando en parte á pretensión inicial da Comisión Europea (CE) de que este negocio de liberalización comercial entre a UE e Canadá entrase en vigor contando tan só ca aprobación do Consello e o Parlamento Europeo, a Comisaria de Comercio, Cecilia Malmström anunciou este martes 5 de xullo que o texto do mesmo pasará a votación nos Estados membro.

Esta “adecuación” da CE ás circunstancias, responde ás protestas levadas adiante dende as organizacións sociais, políticas e colectivos de xuristas europeos que esixían que o CETA fora considerado un tratado mixto, ao tratarse dun texto que obriga á modificación de importantes leis estatais.

Sen embargo, como denunciou hoxe a eurodeputada galega, “non podemos afirmar que se estea a respectar o procedemento codecisorio do acordo mixto cando pretenden aprobalo primeiro a través do Parlamento Europeo e outorgarlle unha vixencia provisional previa ao pronunciamento dos Estados. Isto é unha tomadura de pelo á democracia, unha estratexia argallada pola Comisión para gañar algo de tempo co seguir avanzando no seu plan de neoliberalización comercial.”

O calendario previsto para levar adiante este proceso de ratificación comezará o vindeiro 22 de setembro no Consello informal de Ministras/os de Comercio que vai ter lugar en Bratislava. Seguidamente, o 18 de outubro o Consello deberá valorar autorizar a sinatura do acordo e, no caso de pronunciarse positivamente, o 27 de outubro os xefes/as de Estado asinaríano. O seguinte paso sería a ratificación por parte do Parlamento Europeo, previsíbelmente no pleno de febreiro de 2017.

“Ábrese agora unha batalla importante que dar a nivel social”, salientou hoxe Lídia Senra.  Cómpre acadar que os Gobernos se opoñan ao CETA na reunión do Consello o 22 de setembro e conseguir que as eurodeputadas/os manifesten unha opinión contraria a este tratado no caso de que chegue ao Parlamento Europeo -para o que esta mesma semana foi posta en marcha a campaña CETA Check dende as organizacións sociais-, apostando polo sometemento a votación en cada un dos Estados membros.

Aliás, para Senra “Galiza, como nación sen Estado dentro do contexto español, ten que ter dereito a decidir sobre o CETA ou calquera outro tratado de libre comercio a través do seu Parlamento ou ben a través dun referendo ao pobo galego”. Esta é unha situación que se dá xa en Estados coma o belga, onde se algunha das súas rexións manifesta oposición a este tipo de negocios de liberalización comercial Bélxica vese na obriga de respectala. “Se hai que modificar algunha estrutura ou lexislación para que isto sexa posíbel, que se faga”, reclamou a eurodeputada de AGEe.

Negociado dende o ano 2009 até o ano 2014 con total opacidade, “o CETA (UE-Canadá) é considerado un cabalo de Troya que facilitaría a entrada ao TTIP (UE-EEUU)”, lembrou Senra,  a día de hoxe en pleno proceso de negociación –a 14ª ronda do TTIP terá lugar o vindeiro mércores 13 de xullo en Bruxelas– no medio dun clima de fortísima contestación social.

O CETA, ao igual que o TTIP, é un tratado “pensado para darlle todo o poder ás corporacións transnacionais por riba das lexislacións, indo totalmente en contra da soberanía dos pobos”, reiterou. Así, ao igual que o TTIP co ISDS[1], o CETA incorpora o ICS, un mecanismo a través do cal unha empresa pode demandar a un Estado por aquel lucro cesante que entenda deixe de gañar debido á oposición dun Goberno[2].

A nivel galego, o recoñecemento deste poder ás empresas transnacionais “tería implicado a posibilidade de que a empresa mineira canadense Edgewater puidera demandar á Xunta de Galicia por ter paralizado a mina de Corcoesto en resposta á demanda social”, lembrou a eurodeputada.

Canda o ICS e os tribunais externos privados construídos ad hoc para estes litixios, o CETA inclúe tamén a posibilidade de que empresas públicas europeas podan ser mercadas por empresas privadas canadenses e viceversa. Asemade, o texto do tratado alberga a denominada Cláusula Trinquete, que faría practicamente imposíbel que un servizo puidera ser remunicipalizado.

A nivel do sector agroalimentario, o CETA e o TTIP poñen en entredito o recoñecemento de estándares de calidade, o que na práctica suporía, por exemplo, que no mercado europeo teríamos carne producida con hormonas permitidas en Canadá e os EEUU pero non na UE, así como unha apertura sen precedentes aos alimentos transxénicos.

Aliás, como ten respostado a Comisión Europea a preguntas rexistradas por Alternativa Galega de Esquerda en Europa, está prevista aapertura dun continxente arancelario de carne de vacún así como un incremento da vulnerabilidade das Denominacións de Orixe e as Indicacións Xeográficas Protexidas. Dentro da listaxe de 145 DO´s e IXP´s protexidas dentro da negociación do CETA, ningunha delas é galega, xa que no seu momento nin o Goberno estatal nin o galego fixeron por protexelas.

“Estamos ante un tratado extremadamente perigoso para a cidadanía de ámbalas dúas partes. Dende o pobo galego non podemos deixalo pasar”, concluíu a eurodeputada de AGEe alentando a esixir que “calquera negocio que se acorde sexa en base a garantir os dereitos das persoas e non os negocios das multinacionais, como está a pasar”.

 

[1] Para máis información consultar artigo El maquillaje del TTIP: del ISDS al ICS e/ou publicación Lucha contra el TTIP, el CETA y el ISDS: lecciones de Canadá .

[2]Entre os casos máis recentes están a demanda interposta pola empresa TransCanadá contra o Goberno dos EEUU por non ter autorizado a construción do oleoducto Keystone XL. Entre os exemplos máis controvertidos por ir claramente contra a saúde pública e por estar considerado un caso co que as multinacionais pretendían “mandar un recado” aos países que non acaten as súas normas, destacan o litixio da tabacaleraPhilip Morris contra o goberno de Uruguay por implantar medidas restritivas co consumo de tabaco.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: