A Asociación Pola Defensa da Ría convoca unha concentración en defensa dos montes contra as políticas forestais do Partido Popular

ilcanallaruebens_lumes_2016-758x506

Como hai dez anos, Galiza sofre unha vaga de incendios forestais que está a destruír o noso patrimonio forestal, un patrimonio que –de non mudar esta dinámica incendiaria- está ameazado de morte. Porque os nosos montes arden ano tras ano en canto as condicións de temperatura, humidade e vento son propicias. Porque o monte galego é un polvorín que semella agardar pola man que prende a mecha criminal e destrutiva. Porque os montes galegos están á monte!-.

E, con independencia de cal sexa a causa concreta que teña provocado cada un dos lumes forestais, a causa última radica sempre na situación estrutural do noso monte. Galiza arde polo abandono case secular do rural e pola falta dunha política forestal axeitada. Galiza arde pola existencia dun modelo baseado na implantación dun monocultivo de eucaliptos, un modelo que impide na práctica a diversidade de usos, que provoca a proliferación de material altamente combustíbel no monte e que ten como único obxectivo alimentar de madeira á noxenta fábrica de ENCE en Lourizán, unha fábrica ilegal protexida polo PP en contra da vontade da inmensa maioría social da comarca. Porque o monte é moito máis que o forestal; o monte ten na explotación forestal un dos seus usos, pero ten na diversidade de usos a maior das súas riquezas! E só un modelo quen de valorizar estas potencialidades do monte poderá devolverlle o seu valor social e económico e impedir, ao tempo, as reiteradas queimas. Porque só un modelo de explotación diversificada do monte, socialmente máis xusto e medioambientalmente máis sustentábel, pode facer rendíbel a súa explotación e -xa que logodevolver á poboación o interese polo seu coidado e explotación.

O monte galego, cunha poboación envellecida e que xa non fai uso dos seus recursos, ten perdido a súa función social, o que impide levar adiante unha eficaz política de prevención que só será posíbel se somos quen de fixar poboación no rural e mudar drasticamente o actual modelo forestal coa introdución de especies caducifolias que non só crean maior valor engadido senón que fan diminuír os riscos de lumes forestais.

Pero, lonxe de aplicar as medidas encamiñadas á posta en práctica destas políticas de prevención, a Xunta de Galicia opta abertamente polas políticas de extinción, mais custosas tanto desde o punto de vista económico como, sobre todo, desde o punto de vista social, en vidas humanas, en bens materiais e en valores ambientais. Conscientes da necesidade de fomentar a Educación Ambiental e promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa defensa do medio ambiente, repudiamos as actitudes incendiarias e animamos a non ser cómplices con actitudes ou prácticas que poidan supor risco potencial de lumes forestais; pero denunciamos así mesmo a Lei de Montes aprobada polo PP, unha Lei que entre outras cousas abre a porta á recalificación dos montes queimados. Esiximos unha nova política forestal que contemple as medidas encamiñadas a modificar a situación dos montes no sentido que vimos de describir e o desenvolvemento de programas de rexeneración dos montes queimados para evitar a perda de solo e a incidencia negativa sobre as augas dos nosos ríos e rías das cinzas arrastradas cando cheguen as choivas.

Para reivindicar que se poña fin a esta vaga criminal de lumes e denunciar ao tempo a política forestal da Xunta de Galicia –que carece de políticas de prevención e que deixa en mans das empresas privadas o desenvolvemento de plans de extinción cunha pésima planificación, falta de medios, redución de plantillas e unha evidente descoordinación do traballo- desde a APDR facemos un chamamento á poboación a acudir á concentración contra os lumes este xoves día 18 ás 20:30 horas na praza da Peregrina de Pontevedra.

Rubens Rocha

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: