Lídia Senra: Demandamos unha política agraria pública europea que priorice os mercados internos

ilcanallarubens_Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)_2016

Lídia Senra lamenta que a UE non estea disposta a traballar para evitar a volatilidade dos prezos e garantir rendas dignas a labregas e labregos

A eurodeputada de AGEe pide retirar da Política de Competencia toda norma que supoña dificultar ou impedir a negociación colectiva.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este martes, na reunión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, “unha política agraria publica europea que priorice o mercado interno e que regule as producións e os mercados para poñer fin á vulnerabilidade á que están sometidas as labregas e labregos, tanto da Unión Europea (UE) como do resto do mundo”. Lídia Senra interviu o martes pola tarde en Bruxelas no debate na Comisión sobre “Instrumentos da PAC (Política Agraria Común) destinados a reducir a volatilidade dos prezos nos mercados agrícolas”, defendendo que “para nós, reducir a volatilidade dos prezos é unha cuestión de vontade política” e acusando tanto á Comisión Europea como ao Consello Europeo e á maioría do Parlamento Europeo de estar “empeñadas” en “deixar todo en mans dos mercados e en priorizar a exportación baixo a consigna de que Europa  ten que alimentar ao mundo”.

A membro de AGEe tachou de “cansino e desolador” o feito de que na Comisión de Agricultura se estea falando “permanentemente” de instrumentos para xestionar a crise e reducir a volatilidade de prezos, “sen resultado ningún”. “Levamos todo o que vai de lexislatura –dous anos- falando disto e a crise continúa, o que constata que os instrumentos que a Comisión vai poñendo en marcha e que a maioría conservadora e socialista deste Parlamento avalan, fracasan un tras outro”, denunciou, para lamentar que “esta maioría non estea disposta a traballar en propostas que cambien radicalmente o contexto: é dicir, políticas para evitar precisamente a volatilidade nos prezos e a crise”.

Neste sentido, AGEe presentou varias emendas ao informe que se debatía, todas elas propostas para facer ese “cambio radical que precisamos para manter a produción agrícola nas mans das labregas e dos labregos e continuar xerando emprego directo e indirecto na agricultura e garantir prezos que cubran os costes de produción e remuneren o traballo”.

Posteriormente a este debate, Lídia Senra tamén interviu de forma contundente este martes pola tarde na mesma Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural no punto no que se abordaba o “Informe Anual sobre a Política de Competencia da UE”. “As normas de competencia da UE son un instrumento para favorecer a gran distribución”, alertou, explicando que “impiden que mediante a negociación colectiva haxa acordos para un prezo mínimo que garanta unha renda digna para os labregos e as labregas” e deste xeito, denunciou, “a gran distribución e as empresas logran competir nos mercados á costa de manter prezos miserentos, arruinando ás labregas e labregos de todo o mundo”.

Senra aproveitou a súa quenda de palabra para poñer énfase na precarización das labregas e dos labregos e tamén dos e das asalariadas agrícolas. “Cada pouco vemos informes das condicións de explotación que viven, traballando arreo, poñendo en risco a súa saúde, infravivindo”, exclamou a eurodeputada galega.

Por estes motivos, a membro de AGEe pediulle á Comisión este martes que retirara da Política de Competencia “toda norma que supoña dificultar ou impedir a negociación colectiva”, e reclamou que “se lle devolva ás organizacións agrarias o seu papel para negociar prezos” e se “deixen de promover novas organizacións de produtores á medida”. Tamén esixiu que se retire de forma definitiva a prohibición de establecer prezos mínimos.

Rubens Rocha

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: