Na procura de respostas conxuntas para poder pararlle os pés aos intereses da privatización sanitaria

ilcanallarubens_xornadas-internacionales-da-sanidade_2016_vigo-758x426

Lídia Senra inaugurou estes venres en Vigo as xornadas en defensa da sanidade pública que se prolongarán até o sábado pola tarde. 

Denuncian o roubo da Colaboración Público-Privada e que as empresas grandes coa axuda dos Gobernos fagan negocio cos dereitos humanos.

Procurar respostas conxuntas para poder artellar mellor a maneira de pararlle os pés á dramática situación de privatización silenciosa na que se atopa o sistema sanitario. Con este obxectivo comezaron este venres pola tarde no Hotel Ciudad de Vigo as xornadas “A privatización da sanidade na Unión Europea”, un evento aberto ao público organizado por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), en colaboración coa Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) e coa Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo. 

Ante medio cento de participantes, a propia Lídia Senra foi a encargada de inaugurar as xornadas e na súa intervención amosou o seu compromiso a poñer toda da súa parte para que a loita contra a privatización sanitaria avance. A eurodeputada defendeu a sanidade como un dereito recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos e atacou ás institucións públicas porque, ao seu entender “deberan ser as garantes destes dereitos e desafortunadamente están optando pola vía das políticas neoliberais e de favorecer só a unhas poucas persoas, malia ser conscientes de que con estas decisións están vulnerando lexislación nacional, estatal e internacional”. Ante esta situación, a membro de AGEe denunciou que a privatización sanitaria se estea dando “de forma silenciosa, case invisible”, a pesar de que cada vez a cidadanía sexamos máis conscientes tanto a nivel individual como colectivo de que “cada vez nos maltratan máis” e cualificou o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo como un “exemplo” da preocupante situación de deterioro da sanidade.

Así, Senra alertou sobre os intereses de que “un pequeno número de empresas, coa complicidade dos Gobernos, fagan negocio a conta dun dereito humano como é a saúde”, algo que, vaticinou, como non se consiga parar, irá a máis coa ampliación das políticas de austeridade e co recorte orzamentario derivado da priorización do pago da débeda, así como cos acordos de nova xeración como poden ser o TTIP, o CETA ou o TISA.

A deputada no Parlamento Europeo tamén fixo mención á chamada Saúde Móbil: “Véndennos que vai ser un apoio, pero eu estou segura de que o que se agocha detrás disto é un traspaso de diñeiro público para grandes empresas do ámbito do negocio dixital e da comunicación”, dixo, para alertar de que o medio rural será o primeiro onde se intenten introducir estes apoios que “redundarán na perda de calidade no servizo”. “Son das que penso que a relación da paciente coa profesional é moi importante e non se pode substituír por ningún medio telemático ou tecnolóxico”, defendeu.

Na aperta das xornadas tamén interveu o presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, que cualificou o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo como “exemplo de cómo a Colaboración Público Privada (CPP) pode destruír proxectos estratéxicos de recursos” e denunciou os recortes en servizos, camas e calidade dos servizos. “Isto mesmo tamén está ocorrendo no Reino Unido, en Portugal, en Grecia, e no Estado, en Madrid, Valencia, Alcañiz, Burgos, Mallorca, exemplos deste drama que responde aos mesmos principios en todas partes, porque as experiencias son calcadas”, dixo. Por iso, realizou un chamamento a levar a cabo algo ao que polo momento, a nivel europeo, non se foi capaz de facer entre os diferentes colectivos que loitan contra a privatización: “Establecer estratexias e alianzas para facer fronte común a tanto poder”.

A deputada de En Marea nas Cortes do Estado, Alexandra Fernández, foi a encargada de moderar o primeiro dos debates, no que tomaron a palabra Fernando Lamata, da Comisión Europea de Estudo de Políticas da Saúde, e José Emilio Santiago Nieto, da AGDSP. Fernández fixo un repaso polas medidas privatizadoras impulsadas xa no seu día polos Gobernos de Felipe González e José María Aznar. “Felipe González abriu a porta á privatización da sanidade”, dixo a deputada “e no 97 aprobáronse novas formas de xestión que estenderon a xestión público-privada”, denunciou. “Rajoy posteriormente, mediante as chamadas Medidas Urxentes de Sostibilidade do Sistema de Saúde introduciu o copagamento farmacéutico e reitrou a tarxeta a inmigrantes non regularizados e agora, o PSOE vai manter no Goberno co seu apoio a quen é un dos mellores alumnos do modelo neoliberal europeo”. Fronte a isto, Alexandra Fernández chamou, na liña das anteriores persoas, tamén a dar respostas conxuntas e lograr unha maior capacidade de intervención.

Na súa quenda, Fernando Lamata puxo a énfase en denunciar que “a palabra Colaboración” da CPP “dalle un ton positivo a un produto que realmente é un roubo. Disfrázano usando a linguaxe do poder dominante”, afirmou, para describir que os proxectos de concesión teñen efectos perversos e negativos nos servizos sanitarios: “Para empezar, o sobrecusto é maior e o gasto corrente aumentará”, dixo.

Na mesma liña, José Emilio Santiago Nieto asegurou que non existen razóns técnicas, xurídicas ou económicas ou administrativas que xustifiquen o recurso a estes modelos CPP. “É unha decisión de política sanitaria que trata de abrir novas vías de penetración empresarial privada no financiamento e xestión de servizos sanitarios públicos, é a privatización progresiva dos Sistemas Nacionais de Saúde”, dixo. Para el, un claro exemplo disto foi o desenvolvemento do novo hospital de Vigo “no que non só se produciron efectos negativos e unha maior fragmentación e desintegración na área sanitaria, senón tamén unha vulneración da legalidade estatal e comunitaria en materia de concesións e contratación pública”.

Na segunda mesa desta tarde, a médica da área de Compostela Flora Miranda, encargada de moderala, asegurou que “un dos mellores sistemas sanitarios do mundo, como era o noso, está en grave risco de desaparición”. “Fronte a esta desfeita”, reclamou “maior responsabilidade” para “destapar e denunciar e parar” a quen “relega os intereses comúns para atender a intereses particulares puramente mercantilistas”.

Miranda deulle paso a Pablo Vaamonde, da AGDSP, quen esixiu o rescate da concesión do novo hospital de Vigo para dominio público. “A sanidade pública na área de Vigo está en mans privadas e a Administración ten que afrontar unha severa hipoteca durante 20 anos. Aínda que o PP revalidou a súa maioría absoluta nas últimas eleccións galegas, haberá que seguir loitando para frear a súa estratexia privatizadora. En caso contrario, deixaremos unha penosa herdanza aos nosos sucesores”, advertiu.

Pola súa banda, Luisa Lores, de SOS Sanidade Pública , pechou a xornada deste venres lembrando como “Feijóo e Romay Beccaría gobernaron anos o Sergas e o Ministerio de Sanidade, e contribuíron moito na cementación da contrarreforma sanitaria. Feijóo descabezou o Sergas e externalizouno. Feijóo vendeu os servizos mais rendibles  e a súa vez deixou o Sergas endebedado  e sen capacidade de manobra”, dixo.

As xornadas continúan hoxe sábado, a partir das 10:00 da mañá e até as 20:00 horas da tarde, con máis relatorios e debates.

Fotos da xornada

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: