Vigo mostrou a súa indignación polos asasinatos de Ana e Elena

ilcanallarubens_plataforma-femista-galega_marcha-mundial-das-mulleres_concentracion-20d_2016-758x426

A concentración en Vigo arrincaba pasadas as 20 horas baixo o frío do ambiente, a medida que os minutos da concentración respirábase indignación e rabia sobre os últimos asasinatos acontecidos na Galiza, era o sentir na concentración diante do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, un acto convocado pola Plataforma Feminista Galega, Marcha mundial das Mulleres e Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos.

Centos de vigueses e viguesas condenaron os asasinatos machistas de Ana Enjamio na cidade e Elena Marcu en Compostela. No que vai de ano foron asasinadas 102 mulleres no estado. Na Galiza foron 6 as mulleres asasinadas, mulleres que hoxe estarían nas súas casas, nos seus traballos, coas súas familias e amizades. E non están porque foron aniquiladas polos criminais machistas, denunciaron na concentración.

Ana Enjamio e Elena Mihaela Marcus foron asasinadas polas súas ex-parellas. Foron asasinadas só por seren mulleres e tropezarem cun home machista na súa vida e a sociedade non pode nin debe consentir máis malos tratos, máis asasinatos machistas, dixeron no MARCO. Porque a humillación, os insultos, o control e a manipulación dun maltratador non deben ser toleradas, denuncian as plataformas convocantes.

O manifesto

A violencia machista é unha violación dos dereitos humanos das mulleres e a pasividade das institucións e da sociedade ante as mulleres asasinadas desesperannos… Onde está a indignación social, política e mediática?!

Seica estamos demasiado afeitos e afeitas a que un exmozo, exmarido, noivo, marido ou coñecido mate unha muller? Será que se normalizou o feminicidio? Como pode unha sociedade que se di «avanzada» pensar que é natural que os homes anden a asasinar ás mulleres?

Dende o movemento feminista denunciamos:

Que estes asasinatos teñen un nome: feminicidio e que se producen no marco desta sociedade machista e patriarcal na que as mulleres somos agredidas polo feito de o sermos.

Que a violencia contra nós vese intensificada polas medidas de recortes en políticas de igualdade do goberno misóxino do Partido Popular. Non queremos minutos de silencio, queremos recursos e medidas concretas para rematar cos asasinatos machistas!!

Denunciamos os modelos de masculinidade e feminidade hexemónicos e tradicionais que son parte da estrutura que produce a violencia machista. A educación patriarcal que adoutrina ás criaturas mediante pautas que preparan ás mulleres para sermos submisas mentres a eles se lles educa en valores de forza e dominio sobre todo o que lles rodea.

Segue a se por o foco nas vítimas e non nos culpábeis, séguesenos a obrigar ás mulleres a ter coidado co que facemos e non se lles ensina a eles a non violar, dubídase da nosa palabra aínda cando van 102 asasinadas no que vai de ano e as mulleres violadas e maltratadas medran cada día ante a mirada impasíbel do goberno e da sociedade.

Denunciamos o rol dos medios que contribúen á normalización do feminicidio. A información sobre os asasinatos machistas abordanse coma se dun accidente ou un feito casual se tratar e a situación é tan surrealista que segundo a maioría dos medios as mulleres aparecemos mortas. Pois non, señores e señoras da prensa, non aparecemos mortas como se dun andazo de gripe se tratar, somos asasinadas: a-sa-si-na-das! Cumpran dunha vez cos protocolos que teñen asinado sobre o tratamento da violencia machista.

O movemento feminista galego sae hoxe máis unha vez á rúa para berrar que estamos desesperadas, cansas, indignadas, fartas… de sermos agredidas, violadas, asasinadas e un día destes a nosa rabia será imparábel!!

Porque as mulleres non somos cidadás de segunda. É tempo de organizarmos a resistencia feminista, tomemos as rúas e paremos o terrorismo machista. Adiante a loita feminista!! Se tocan a unha, respostamos todas!!

En Compostela

En Santiago a concentración foi na praza do 8 de marzo, un lugar emblemático que lembra o Día Internacional da Muller. Como ocorrera en Vigo, aquí preto dun milleiro de persoas acudiron a mostrar a súa repulsa por estes crimes machistas. Tras gardar uns minutos de silencio, cortaron a rúa na Porta do Camiño e dirixíronse en manifestación cara á praza de Cervantes.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: