O que non se di sobre a recente ampliación a catro semanas do permiso de paternidade

icr_leipaternidade_2017_

A Secretaría das Mulleres da CIG denuncia que a ampliación a catro semanas do permiso de paternidade non contempla a ampliación do permiso nos supostos de familia numerosa nin cando na familia haxa unha persoa con diversidade funcional, ou ben sexa o fillo ou filla biolóxica, adoptada ou acollida quen a padeza.

Desde o 1 de xaneiro de 2017 entra en vigor o mandato da Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes que recollía na súa Disposición Transitoria Novena que se ampliaría de forma progresiva e gradual a duración deste dereito até alcanzar as catro semanas aos seis anos da entrada en vigor da lei.

En 2009 fixouse esta ampliación para o ano 2011 e, desde entón, ficou aprazada sen que se recollera nos orzamentos do Estado, aludindo o elevado impacto da medida ao non dispoñer de cartos para aplicala. E así quedou adiada durante os anos 2014, 2015 e 2016.

A ampliación aprobouse no marco da  prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado. De feito, se acudimos á Seguridade Social, remiten ao contido da Lei 9/2009, de 6 de outubro, de ampliación da duración do permiso de paternidade nos casos de nacemento, adopción ou acollida, onde se recolle a  Modificación do Artigo 48 bis do RDL 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do E.T.

Tras diversas consultas da afiliación nos departamentos técnicos da CIG, puidemos comprobar como desde o Ministerio de Emprego interpretan que a regulación definitiva do permiso de paternidade vén recollida no artigo 48 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, que non prevé a ampliación do permiso nos supostos de familia numerosa ou cando na familia haxa unha persoa con discapacidade ou sexa a a crianza adoptada ou menor acollido/a quen a padeza.

Isto supón, xa que logo, que se equiparan a 28 días os permisos de paternidade de calquera tipo de familia independentemente de se estas son numerosas ou non, ou teñen discapacidade.

Acadar a corresponsabilidade

Alén disto, seguen sen adoptarse por parte dos distintos gobernos da Xunta e do Estado medidas reais dirixidas a acadar a corresponsabilidade nos coidados, comezando por poñer o acento na propia responsabilidade do Estado, que debía garantir o coidado das persoas dependentes, ben sexan crianzas menores de tres anos ou persoas de avanzada idade ou con diversidade funcional, que precisen de atención continuada dentro do marco dos servizos públicos.

Non se deron durante estes anos de crise económica, nin nun contexto de avance da violencia machista, pasos decididos a combater o patriarcado desde os poderes públicos, comezando por unha nova lei coeducativa en igualdade e pasando pola modificación daqueles marcos lexislativos que, ou ben non conteñen unha avaliación do impacto de xénero destas políticas, ou ben afondaron na desigualdade e aumentaron a fenda de xénero (reforma das pensións, reformas laborais, lei de dependencia, lei de igualdade, lei contra a violencia machista…).

E segue a demorarse a ampliación da duración do permiso de maternidade, que segue sendo de 16 semanas, claramente insuficiente, e que sitúa as mulleres galegas oito postos por debaixo dos países europeos a nivel comparativo.

Gasto público insuficiente

De feito, tal e como denunciamos o pasado 13 de decembro (co gallo da proposta de rematar a xornada laboral ás 18 horas), as políticas de conciliación postas en marcha até o de agora nin foron acompañadas dun gasto público suficiente, nin afondaron nas orixes do problema da conciliación, como son as desigualdades sociais e culturais dentro e fóra do ámbito doméstico.

Desde a CIG instamos aos gobernos do Partido Popular a realizar os investimentos que sexan necesarios para afondar na corresponsabilidade, para eliminar as fendas existentes entre mulleres e homes e para realizar as reformas lexislativas precisas para combater a desigualdade e o machismo imperante nesta sociedade. Non pode haber pacto social cando o estamento que o propón publicamente recorta os dereitos da clase traballadora deste país.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: