Archivos por Etiqueta: actualidade

Rolda de asembleas nos centros sanitarios de Galicia

ilcanallarubens_asembleas-informativas-sanidade_-dereitos-laborais-_-recortes-_-2017

Os sindicatos, como anunciaron o pasado día 1 en Santiago, inician unha rolda de asembleas nos centros sanitarios de Galicia.

En Vigo, a primeira será o martes día 7 ás 11 horas no Hospital do Meixoeiro. O venres no Hospital Álvaro Cunqueiro ás 11 horas e o Luns 13 será no Nicolás Peña ás 11 horas.

Nas asembleas INFORMARAN das suas demandas de recuperar o recortado nos últimos anos os traballadores-as do SERGAS e da decepcionante reunión co conselleiro de sanidade Vázquez Almuiña, así como das primeiras medidas de presión-mobilización.

Cartaz

cartaz-asembleas-informativas-sindicatos-sanidade_vigo_2017

 

 

Teis merece unha resposta, o Vitrasa urxente para o Hospital Álvaro Cunqueiro

ilcanallarubens_cartaz-mani-teis_2016A Asociación Veciñal de Teis, logo do éxito das mobilizacións dos meses de setembro, outubro e novembro a asociación convoca unha nova manifestación este martes 22 de novembro ás 19:00 horas, desde o mercado de Teis.

A pasada semana presentamos no Concello 3.654 sinaturas, para reivindicar do Concello de Vigo, un autobús directo desde Teis ao Hospital Alvaro Cunqueiro.

Diante da resposta do Alcalde ao nosa demanda, a Asociación é faborabel ao parking de balde no hospital, pero contando cun bo servizo de autobús. Notase que o Alcalde, ten coche oficial, pois para el non é unha necesidade contar cunha bo servizo de autobús desde os barrios e parroquia de Vigo cara o hospital.

Desde a apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro, disto fai un ano, as queixas son continuas da veciñanza que utiliza o autobús urbano cara o novo hospital desde Teis.

A veciñanza de Teis, ten que desprazarse ate a avenida de García Barbón (Casa de Artes e Oficios) H1 ou até os Choróns H2 para poder conseguir un enlace para ir ao novo hospital.

Non hai ningunha liña que pase ou saia da parroquia de Teis. A liña H1, non funciona nin sábados, domingos e festivos.

Debemos ter en conta que unha parte importante dos/as usuarios/as son persoas maiores e supón un problema ter que coller varios autobuses, os domingos e festivos chegar ao Álvaro Cunqueiro supón un esforzo enorme para visitar aos familiares.

Temos un hospital con moitas deficiencias e a maiores carecemos dun bo transporte urbano que nós permita chegar ao hospital desde Teis.

Desde a Asociación entendemos que debe ser unha prioridade mellorar a conexión do autobús urbano co hospital Álvaro Cunqueiro desde Teis.

O goberno municipal debe esixir a empresa concesionaria “ Vitrasa “ que mellore este servizo debidamente e que atenda as demandas da veciñanza de Teis.

A Asociación xa solicitou dúas xuntanzas coa Concellaría de Transporte unha o pasado ano e outro neste, sen recibir até o de agora ningunha resposta.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, propoñemos que a liña H2 e H1 sexan ampliadas até Teis e que a liña H1 funcione os sábados, domingos e festivos e cunha frecuencia de 30 minutos.

Rubens Rocha [@IlCanallaRubens]

Sanidade privada: beneficios millonarios pero incrementos salariais de “miseria”

ilcanallarubens_2016-11-08-acorunha-mobilizacionconvenioprivada-sanrafael-2016

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO retomaron esta semana as mobilizacións contra o bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña, cunha protesta no Hospital San Rafael, no se realizou tamén un reparto de folletos para informar do conflito ás usuarias e usuarios deste centro.

As negociacións, explica o delegado da CIG e voceiro do colectivo, Milton Pérez, están totalmente bloqueadas porque a patronal “se nega a entrar a calquera tipo de negociación que non sexa o incremento salarial do 0,625% para 2016, 2017 e 2018. Isto supón hipotecar o futuro das traballadores e dos traballadores para os próximos tres anos. Por iso continuamos hoxe coas medias de presión para que a patronal sente a negociar un convenio digno”.

A patronal négase unha e outra vez a un incremento dos salarios de máis do 0,625% anual”

Neste senso, apuntou que dende que comezaron as negociacións a principios de ano, a representación social, co ánimo de chegar a un acordo “foi facendo concesións”, rebaixando a petición de incremento salarial até o 1,8% anual e renunciando a outras melloras laborais.

“Pero a parte empresarial négase unha e outra vez a un incremento dos salarios de máis do 0,625% anual e non acepta nin tan sequera que os permisos por enfermidade ou por falecemento se concedan en días hábiles e non solapando as libranzas semanais que xa corresponden por dereito as traballadoras e traballadores”, critica. Melloras sociais, subliña, que non suporían ningún custe económico ás empresas.

Incremento dos beneficios empresariais

En canto ás retribucións no sector, Pérez informou que os salario bruto para un/unha enfermeiro/a está nos 1.002,76€/mes, nos 841,05€ para un/unha auxiliar de enfermaría ou nos 755,33€ para un /unha pinche de cociña, limpador/a, etc. Uns salarios que cualificou de “miserábeis”, tendo en conta que “estes hospitais privados están recibindo un cantidade importante de doentes derivados/as do SERGAS e que cada ano incrementan a súa facturación”.

Só no ano 2012, os hospitais privados de Galiza facturaron uns 300 millóns de euros”

Sobre o negocio que supón a sanidade privada, mencionar que xa no ano 2012, os hospitais privados de Galiza facturaron uns 300 millóns de euros. “E ao tempo que incrementan beneficios pretenden reducir o persoal para facer o mesmo traballo e recortar os salarios”, censura.

“As e os profesionais da sanidade privada merecen e teñen dereito a que os beneficios empresariais tamén repercutan nun incremento digno dos seus salarios e nunha mellora das condicións laborais”, aseverou.

Por iso, continuarán coas mobilizacións ao longo desta semana en diferentes centros.

A Plataforma Galega en defensa do Ensino Público convoca mobilizacións para o 16 e o 24 de novembro

ilcanallarubens_2016-11-08-rp-pgdep

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGDEP) anunciou este martes, en rolda de prensa, a convocatoria de mobilizacións para o día 16 de novembro –cunha concentración, ás 11:15 horas, diante da consellaría de Educación coa posterior entrega no rexistro das sinaturas recollidas contra as reválidas- e para o día 24 de novembro – con concentracións nas sete cidades ás 19:00 horas e en Cee, Vilagarcía, Carballo e probabelmente en Ribeira, ás 19:30 horas-.

O portavoz da PGDEP e secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, explicou que con estas mobilizacións a plataforma vén reiterar a súa exixencia á consellaría de Educación de que actúe como goberno galego e remate coa “grave situación” na que se atopa o sistema educativo, neste intre, polo que cualificou de “actitude irresponsábel” e de “desleixo” das autoridades educativas.

Por iso, respecto das mobilizacións convocadas para o día 24 de novembro, Louzao fixo un chamamento a toda comunidade escolar de secundaria, a unha xornada de loita baleirando as aulas para manifestar así non só o rexeitamento ás reválidas e á LOMCE, senón tamén para denunciar a “tiranía e crueldade” á que se somete ao alumnado ao impor unhas probas para as que o alumnado de segundo de bacharelato descoñece aínda, a estas alturas de curso, en que van consistir.

Sobre esta cuestión, o portavoz da PGDEP apuntou tamén a situación de “desconcerto” na que está o profesorado, que non sabe para que tipo de exames ten que preparar o alumnado e denunciou ademais que “vai ser a administración central a que fixe as características das probas, os estándares avaliábeis e os seus propios contidos” e que ás administracións educativas non lles vai quedar máis que a aplicación práctica das mesmas e, en todo caso, trasladar eses criterios a unha proba.

Os anuncios de cambio no BOE

Canto aos chamamentos á calma tanto do Ministro como do conselleiro de Educación, que veñen asegurando nas súas últimas comparecencias públicas que as probas van ser semellantes exixiu que “se van ser tan semellantes terán que modificar o Decreto que se publicou o 30 de xullo – por un goberno en funcións-, que o único que fai é unha definición das características xerais destas probas e trasladalo posteriormente ao BOE”.

Hoxe 8 de novembro celébrase o día mundial do urbanismo

ilcanallarubens_vigo-desde-o-castro_2016

Desde 1949, cada 8 de novembro celébrase o Día Mundial do Urbanismo, data destinada para reflexionar en que cidade vivimos e como queremos que esta se consolide no tempo, sen deixar de lado os elementos naturais que aseguran unha mellor calidade de vida nos espazos urbanos.

Este día foi instaurado polo enxeñeiro arxentino Carlos Maria della Paolera, quen ademais foi o primeiro profesor de urbanismo en Arxentina. A súa invitación, estendida hai 63 anos, foi acollida por máis de 30 países en catro continentes e foi promovida polo Instituto Superior de Urbanismo da Cidade de Buenos Aires.

O fundamento para declarar este día nace a partir dunha declaración de Paolera, quen expresou que “nesas colmeas humanas, que son as grandes cidades modernas, rompeuse o equilibrio razoable entre a obra artificial e os elementos de vida que xenerosamente nos brinda a nai natureza. Seguindo os máis variados rumbos nas súas investigacións, os urbanistas de todo o mundo chegaron á conclusión de que é necesario reconquistar o aire, o sol e a vexetación para o ambiente da cidade moderna. As teorías e realizacións urbanísticas máis opostas concordan co obxectivo final consistente en asegurar a unión intima da cidade coa terra vivente, dando ampla entrada á natureza entre as masas inertes da edificación urbana“.

A partir disto, despréndese que a reflexión de hoxe tamén deberá centrarse en como alcanzar un equilibrio entre as edificacións, entendidas por Paolera como obras artificiais, e as áreas verdes, que son as que aseguran unha rexeneración das condicións de vida do home na civilización.

Tendo en conta a triloxía presentada por Paolera, composta polo aire, o sol e a vexetación, como os elementos esenciais para a vida humana, o urbanismo preséntase como unha ferramenta fundamental para planificar as cidades e os territorios desde unha perspectiva global, co fin de crear comunidades sustentables e concientes do rol que cumpren ao momento de proxectar áreas urbanas.

Sen dúbida un bo día para celebrar as nosas cidades e tamén para pensar como queremos que sexa a cidade en que vivimos.

Convidámolos a comentar neste post Que é o que queres para a túa cidade?

Feliz día a todos os urbanistas!

Esíxenlle ao SERGAS que asuma o mantemento do equipamento médico con persoal propio

181019_a_1-1024x679-758x503

O 30 de novembro de 2016 remata o contrato de mantemento de equipos electromédicos adxudicado polo SERGAS, en xuño de 2013, á empresa IBERMANSA por un importe de 33.892.225€. A CIG-Saúde exixe do SERGAS que dea as instrucións necesarias ás EOXI para que sexa asumido, con persoal propio, para evitar situacións anteriores. Considera que é a única solución que lle permitiría á sanidade pública galega reducir custes e garantir a calidade do mantemento.

CIG-Saúde lembra que xa desde o primeiro momento alertou de que ese contrato fora adxudicado a dedo e que na práctica suporía incrementar os custes e empeorar a calidade do mantemento. “Non faltou tempo á nosa denuncia para que desde as direccións das distintas EOXI protestaran pola falta de cumprimento do contrato por parte de IBERMANSA”, sinala a CIG-Saúde, quen engade que “a falta de compromiso por parte da adxudicataria provocou ter que suspender intervencións cirúrxicas, trasladar doentes entre hospitais por falta de garantías nas reparacións dos equipos, baixas masivas de equipos sen xustificacións, falta de persoal e un sen fín de situacións que comprometeron o mantemento de equipos, con graves repercusións para a calidade asistencial”.

CIG-Saúde lembra que a Conselleira tivo que responder en sede Parlamentaria para xustificar o por que deste contrato e cal era o motivo para que a pesar dos reiterados incumprimentos do mesmo por parte desta empresa non se lle rescindira. “Os argumentos da Conselleira foron do máis estrafalarios e inconsistentes  para defender unha adxudicación que non había por onde collela”, sinala.

Se naquel momento o SERGAS optou por centralizar a contratación do mantemento electromédico adxudicándollo a unha soa empresa, agora vira 180º e deixa liberdade as EOXI para que sexan estas as que contraten pola súa conta este servizo. “A xustificación dada no seu momento: reducir custes, e mellorar a calidade no mantemento, catro anos despois queda en papel mollado, e polo que parece nada do defendido daquela polos responsábeis do SERGAS se cumpriu”.

Para a CIG-Saúde esa decisión foi un grande erro que supuxo “un verdadeiro caos” no mantemento de equipos electromédicos, por iso advirte que o que pretende agora a dirección do SERGAS “é sacarse de enriba un problema creado no seu día e trasladarllo ás EOXI para que estas fagan o que lles pete sen ningún tipo de control.  Se antes a situación foi un caos agora antóllasenos que non vai ser mellor”.

Por iso reclama que se dean as instrucións necesarias ás EOXI para que  sexa asumido con persoal propio.

A Plataforma Feminista Galega concentrouse onte en Vigo contra as violencias machistas

ilcanallarubens_-concentracion-plataforma-feminista-galega_2016-758x426

A plataforma feminista galega concéntrouse onte, luns 7 de novembro diante do museo de arte contemporánea MARCO na cidade de Vigo, cumprindo un ano da Marcha contra as violencias machistas de Madrid, na que participaron cun bloco galego, e que reuniu a centos de miles de persoas, tamén en México e Perú.

Desde entón, as mulleres asasinadas foron 77 segundo feminicidio.net e 50 segundo a Delegación do Goberno.

Que pasou coas 9 reivindicacións polas que nos manifestamos daquela? e nas escaleiras do museo MARCO leron as 9 revindicacións.

1. Seguen a esixir que o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado. A violencia machista ten unha presenza mínima tanto nas campañas electorais como na política do estado español. A Valoración Policial do Risco de Violencia sobre a Muller deixou a 2 de cada 3 das mulleres que denunciaron sen protección. O Ministerio de Interior anunciou en xullo a revisión desta valoración implicando aos servizos sociais e de igualdade das Comunidades Autónomas, mais sen aumentar os recursos. O orzamento do Estado para violencia de xénero en 2016 é un 10,9% menos que en 2009.

2. Queren que se aplique o Convenio de Istambul e as recomendacións da CEDAW, e reformar a lei contra a violencia de xénero para que estean reflectidas todas as formas de violencia contra as mulleres. Incluír TODAS as formas de violencia, non só a de parella; crear servizos especializados a vítimas de agresións sexuais e protexer a TODAS as vítimas sen discriminación por raza, lingua, clase, idade, orientación sexual, identidade de xénero, diversidade funcional, estado civil, estatuto de emigrante ou de refuxiada. A Comisión de Observación de Dereitos Humanos reportou no CETI de Melilla embarazos indesexados, desprotección fronte á violencia de xénero e represalias por denunciala.

3. Toda a sociedade e as súas organizacións e institucións deben comprometerse na loita feminista. No verán de 2016 decenas de miles de persoas manifestáronse contra as agresións sexuais. As manifestacións de 2016 crean unha nova conciencia social, e demandan políticas públicas de prevención e de atención sicolóxica, social e xudicial contra as agresións sexuais.

4. Que a loita e os recursos inclúan tanto a violencia na parella ou ex parella como as agresións sexuais, o acoso sexual no ámbito laboral, trata con fins de explotación sexual/laboral de mulleres e nenas e todas as violencias machistas. Esiximos ao Estado un Plan de Acción contra a violencia sexual en todos os ámbitos (de parella, familiar, laboral, escolar, nas rúas, transportes e festas) con medidas de prevención e atención especializada.

5. Queremos a implicación de todas as instancias do goberno na prevención e erradicación das violencias machistas e na asistencia e reparación a todas as mulleres en situación de violencia, independentemente da súa situación administrativa.

A desprotección das vítimas é violencia institucional. Aumentan os asasinatos de mulleres, mesmo estando hospitalizadas recuperándose doutro intento de asasinato.
6. Que o acento se poña na protección das afectadas e dos seus fillos e fillas, facilitándolles saídas de recuperación vital, económica e social. Son mínimas as axudas para vivenda e insuficiente a axuda á súa recuperación sicolóxica e empoderamento, e o acceso a estes recursos non poden depender de poñer unha denuncia.

7. Que a prevención sexa unha política prioritaria, que inclúa un sistema coeducativo en todos os ciclos, a formación específica para todo o persoal profesional que intervén nos procesos, os medios de comunicación, a produción cultural e a sociedade civil na loita contra as violencias machistas.
8. Que os medios de comunicación visibilicen as diferentes violencias machistas, sen sensacionalismo morboso nin linguaxe ou imaxes sexistas. Debemos establecer estratexia integral contra os estereotipos de xénero na educación, os medios de comunicación e a publicidade; con promoción da igualdade de xénero nos programas e na formación do profesorado, e con educación sexual e reprodutiva adaptada á idade de nenas e nenos, no plan de estudos ordinario e
obrigatorio.

9. Eliminación da custodia compartida imposta. Supresión do réxime de visitas e da patria potestade sobre menores aos maltratadores condenados. Un maltratador ou un abusador sexual nunca pode ser un bo pai. A falta de formación en xénero provoca violencia institucional, amparada en informes de sicólogos que aducen o anticientífico SAP (síndrome de alienación parental) para
privar de gardas e custodias a nais ou manter as visitas de maltratadores.

A plataforma feminista galega por unha sociedade libre e sen violencias machistas!, así remataron o seu comunicado lido nas escaleiras do museo de arte contemporánea MARCO no día de onte.

Vídeo da concentración

Teis convoca unha manifestación para mañá martes as 19h para reivindicar a mellora do autobús ao Álvaro Cunqueiro

ilcanallarubens_cartaz-manifa-8-de-novembro-teis_00_vigo-758x426

A Asociación Veciñal de Teis, logo do éxito das mobilizacións do pasado 27 de setembro, do 11 e 25 de outubro, a asociación convoca unha nova manifestación este martes 8 de novembro ás 19:00 horas, desde o mercado de Teis.

Abel Caballero,  impediu que un representante desta asociación intervirá no pleno que se celebra esta mañá, para expor a reivindicación da mellora do autobús desde Teis ao hospital Alvaro Cunqueiro.

A quen ten medo Abel Caballero? A participación veciñal ?,  A que se denuncie  no pleno a  as reivindicacións  da veciñanza, como neste caso a mellora do transporte urbano?.

A  Asociación Veciñal de Teis, xa denunciou este novo veto diante do Valedor do Cidadán e da Valedora do Pobo, ao entender que é unha decisión inxustificada e que conculca o dereito a participación cidadá.

Xa levamos recollidas até o de agora 3.400 sinaturas, para reivindicar do Concello de Vigo, un autobús directo desde Teis ao Hospital Alvaro Cunqueiro.

Desde a apertura do novo hospital Álvaro Cunqueiro, disto fai un ano, as queixas son continuas da veciñanza que utiliza o autobús urbano cara o novo hospital desde Teis.

A veciñanza de Teis, ten que desprazarse ate a avenida de García Barbón (Casa de Artes e Oficios) H1 ou até os Choróns H2 para poder conseguir un enlace para ir ao novo hospital.

Non hai ningunha liña que pase ou saia da parroquia de Teis. A liña H1, non funciona nin sábados, domingos e festivos.

Debemos ter en conta que unha parte importante dos/as usuarios/as son persoas maiores e supón un problema ter que coller varios autobuses, os domingos e festivos chegar ao Álvaro Cunqueiro supón un esforzo enorme para visitar aos familiares.

Temos un hospital con moitas deficiencias e a maiores carecemos dun bo transporte urbano que nós permita chegar ao hospital desde Teis.

Desde a Asociación entendemos que debe ser unha prioridade mellorar a conexión do autobús urbano co hospital Álvaro Cunqueiro desde Teis.

O goberno municipal debe esixir a empresa concesionaria “ Vitrasa “ que mellore este servizo debidamente e que atenda as demandas da veciñanza de Teis.

A Asociación xa solicitou dúas xuntanzas coa Concellaría de Transporte unha o pasado ano e outro neste, sen recibir até o de agora ningunha resposta.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, propoñemos que a liña H2 e H1 sexan ampliadas até Teis e que a liña H1 funcione os sábados, domingos e festivos e cunha frecuencia de 30 minutos.

Cartaz da manifestación

ilcanallarubens_cartaz-manifa-8-de-novembro-teis_vigo

A xunta de persoal da área sanitaria de Santiago alerta da incerteza na que se atopa o Hospital Gil Casares

ilcanallarubens_hospital-gil-casares_compostela_2016-758x426

A Xunta de Persoal da área sanitaria de Santiago demanda que os orzamentos para 2017 inclúan unha partida para a elaboración dun proxecto que contemple e concrete a execución dunha infraestrutura para a reubicación dos servizos do hospital Gil Casares. Alerta da actual situación de incerteza na que se atopa tanto o seu persoal como as persoas usuarias por mor da construción do Campus da Saúde.

A construción do campus da Saúde (faculdade de Medicina, Enfermería e Odontoloxía) na contorna e espazo do Hospital Gil Casares está suscitando unha enorme incerteza entre as traballadoras e traballadores do hospital que descoñecen onde e como se van ubicar os servizos asistencias que presta: medicina interna, psiquiatría, coidados paliativos, dermatoloxía, atención temperá, cancro de mama, servizo de Rx e codificiación.

Por iso a Xunta de Persoal acordou solicitar xuntanzas con todos os grupos parlamentarios: PP, PSOE, En Marea e BNG para que se atenda a súa demanda de incorporar nos orzamentos unha partida específica que contemple a reubicación de todos estes servizos e que teñan en conta tamén os graves problemas de aparcamento que hai na actualidade na zona.

Queres participar na iluminación ornamental do nadal? Atende!

ilcanallarubens_nadal-porta-do-sol_vigo

A Concellería de Comercio formalizará contratos de patrocinio co sector privado para a iluminación do Nadal.

Serán patrocinables elementos de gran porte decorativos con temática navideña e que estean nos seguientes emprazamentos:

1.Praza de América
2.Peonil Calvario (fronte ao mercado)
3.Casco Vello. Zona da Pedra
4.Zona Náutico (Montero Ríos, Praza de Compostela…)
5.Gran Vía Norte (entre Praza de España e rúa Urzáiz)
6.Gran Vía Sur (entre Praza de España e Praza de América)
7.Praza da estación de Urzáiz.
8.Praza de Jenaro de la Fuente esquina rúa Aragón
9.Praza Fernando El Católico
10.Praza Mercado do Progreso
11.Rúa Sanjurjo Badía (Praza do Barrio das Flores)

Así mesmo, poderán solicitase emprazamentos dieferentes aos indicados, que estarán suxeitos á aprobación do Concello.

O patrocinio inclúe a fabricación dos elementos decorativos, transporte, montaxe e desmontaxe, valos estéticos de peche , seguro de responsabilidade civil, acometida eléctrica e mantemento así como os custes xerados polos permisos necesarios para a súa posta en marcha.

As persoas interesadas presentarán a solicitude no Rexistro Xeral do Concello ata o venres 11 de novembro de 2016.

NORMAS PARA PARTICIPAR COMO ENTIDADE PATROCINADORA NA ILUMINACIÓN ORNAMENTAL DO NADAL DA CIDADE DE VIGO 2016-2017