Archivos por Etiqueta: CE

Facebook mentiu ao comprar WhatsApp

A empresa de Mark Zuckerberg deberá pagarlle á Comisión Europera 110 millóns de euros.

O regulador antimonopolio da Unión Europea multou este xoves a Facebook en 110 millóns de euros (US$ 122 millóns) por difundir información enganosa sobre a súa compra do servizo de mensaxería WhatsApp en 2014, tras o cal a popular rede social asegurou que os seus “erros” non foron “intencionados”.

A Comisión Europea, que actúa como supervisor da competencia, cualificou á multa como “proporcional e disuasoria”, e sostivo que Facebook expresara que non podía unir contas de usuarios automaticamente entre a rede social coa súa mesmo nome e WhatsApp, pero dous anos despois lanzou un servizo que fixo exactamente iso, indicou un cable da axencia de noticias Reuters.

“A Comisión atopou que, fronte ás declaracións de Facebook no proceso de fusión de 2014, a posibilidade técnica de asociar automaticamente identidades de usuarios de Facebook e WhatsApp xa existía en 2014, e que o persoal de Facebook sabía desa posibilidade”, sinalou o organismo.

Pola súa banda, Facebook asegurou que a súa actuación foi “de boa fe” e ademais que os seus “erros” non foron “intencionados”:

“Actuamos de boa fe desde o principio da nosa interacción coa Comisión Europea (CE) e tratamos de proporcionar información precisa en cada momento”, afirmou un voceiro da rede social a través dun comunicado as semana pasada na axencia EFE, citado hoxe neste humilde blogue.

A compañía fundada por Mark Zuckerberg ratificou que “os erros” cometidos en 2014 nas solicitudes enviadas á CE “non foron intencionados” e que este organismo “confirmou que non afectaron o resultado da avaliación da adquisición”.

“O anuncio de hoxe pon fin a este asunto”, resumiu o voceiro.

A multa non cambiará a decisión da Comisión de aprobar a compra de WhatsApp, e non ten relación con investigacións separadas en asuntos de protección de datos, segundo informouse.

Anuncios

O hotel da Illa Pancha chega ao Parlamento Europeo por posibles irregularidades en conservación da natureza

ilcanallarubens_lidia senra_vigo_auditorio mar de vigo_2014

 

Lídia Senra denuncia en Bruxelas a través dunha pregunta por escrito á CE o proxecto de converter o faro en hotel de luxo de dúas habitacións 

A eurodeputada ve indicios máis que fundados de que a explotación turística privada desta zona de Ribadeo danará a contorna ambiental 

O proxecto de construción dun hotel de luxo no actual faro de Illa Pancha (Ribadeo) ven de ser levado ao Parlamento Europeo por Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), por posibles irregularidades en canto ao posible cumprimento das esixencias da Rede Natura 2000 e de normativas en materia de conservación da natureza. Senra rexistrou esta semana en Bruxelas unha pregunta por escrito dirixida á Comisión Europea (CE), atendendo as reivindicacións do colectivo “Polo noso Faro”, asociación que leva tempo amosando a súa posición contraria a este proxecto e que xa ten presentada pola súa banda unha petición tanto ao Valedor do Pobo de Galicia e ante o Defensor del Pueblo do Estado Español  pedindo que faciliten os expedientes completos deste proxecto e se emitan informes sobre os aspectos medioambientais aos que afectaría e viabilidade económica do mesmo.

A pregunta que agora AGEe lle remitiu á CE fai fincapé en que en maio de 2015 o Goberno do Estado Español aprobou a autorización para uso  hoteleiro das instalacións do Faro de Illa Pancha a pesar de que esta pequena illa de Ribadeo que mide 1,1 hectáreas está situada nunha zona pechada ao público, catalogada como Zona 2, Área de Conservación, dentro do Plan Director da Rede Natura 2000, zonas que a priori non están autorizadas para uso turístico.

Lídia Senra recolle na súa pregunta á CE e segundo informacións de “Polo noso Faro”, que a adxudicación da concesión de explotación privada empresarial nin sequera foi sometida no seu día a concurso público, como si que o foron, por exemplo, outros faros convertidos en hoteis como o de Sevilla, Cádiz ou Marbella.

O proxecto que está en marcha contempla converter o faro da Illa Pancha, construído en 1857, nun hotel de luxo no que tan so collerían, pola limitación do espazo, dúas habitacións. O plan tamén inclúe construír unha cafetería e aparcamento, fosa séptica, erguer vinte carteis e acondicionar con luces nocturnas a zona, o que, é evidente que afectará á protección medioambiental e paisaxística desta contorna.

Ante esta situación, Lídia Senra pregúntalle á CE se considera que esta transformación do faro en hotel respecta as disposicións da Directiva 92/43/CEE e tamén que medidas pensa tomar para velar porque se respecte a protección ambiental e paisaxística deste lugar e a conservación do hábitat natural da Illa Pancha, máxime tendo en conta que estamos ante un proxecto que non está motivado por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, senón que está movido por intereses privados de rendibilidade económica dubidosa tendo en conta que só serán dúas as habitacións coas que contará o aloxamento.

Rubens Rocha

Foto do Faro

ilcanallarubens_illa-pancha-768x413

Lídia Senra: Demandamos unha política agraria pública europea que priorice os mercados internos

ilcanallarubens_Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)_2016

Lídia Senra lamenta que a UE non estea disposta a traballar para evitar a volatilidade dos prezos e garantir rendas dignas a labregas e labregos

A eurodeputada de AGEe pide retirar da Política de Competencia toda norma que supoña dificultar ou impedir a negociación colectiva.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), reclamou este martes, na reunión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, “unha política agraria publica europea que priorice o mercado interno e que regule as producións e os mercados para poñer fin á vulnerabilidade á que están sometidas as labregas e labregos, tanto da Unión Europea (UE) como do resto do mundo”. Lídia Senra interviu o martes pola tarde en Bruxelas no debate na Comisión sobre “Instrumentos da PAC (Política Agraria Común) destinados a reducir a volatilidade dos prezos nos mercados agrícolas”, defendendo que “para nós, reducir a volatilidade dos prezos é unha cuestión de vontade política” e acusando tanto á Comisión Europea como ao Consello Europeo e á maioría do Parlamento Europeo de estar “empeñadas” en “deixar todo en mans dos mercados e en priorizar a exportación baixo a consigna de que Europa  ten que alimentar ao mundo”.

A membro de AGEe tachou de “cansino e desolador” o feito de que na Comisión de Agricultura se estea falando “permanentemente” de instrumentos para xestionar a crise e reducir a volatilidade de prezos, “sen resultado ningún”. “Levamos todo o que vai de lexislatura –dous anos- falando disto e a crise continúa, o que constata que os instrumentos que a Comisión vai poñendo en marcha e que a maioría conservadora e socialista deste Parlamento avalan, fracasan un tras outro”, denunciou, para lamentar que “esta maioría non estea disposta a traballar en propostas que cambien radicalmente o contexto: é dicir, políticas para evitar precisamente a volatilidade nos prezos e a crise”.

Neste sentido, AGEe presentou varias emendas ao informe que se debatía, todas elas propostas para facer ese “cambio radical que precisamos para manter a produción agrícola nas mans das labregas e dos labregos e continuar xerando emprego directo e indirecto na agricultura e garantir prezos que cubran os costes de produción e remuneren o traballo”.

Posteriormente a este debate, Lídia Senra tamén interviu de forma contundente este martes pola tarde na mesma Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural no punto no que se abordaba o “Informe Anual sobre a Política de Competencia da UE”. “As normas de competencia da UE son un instrumento para favorecer a gran distribución”, alertou, explicando que “impiden que mediante a negociación colectiva haxa acordos para un prezo mínimo que garanta unha renda digna para os labregos e as labregas” e deste xeito, denunciou, “a gran distribución e as empresas logran competir nos mercados á costa de manter prezos miserentos, arruinando ás labregas e labregos de todo o mundo”.

Senra aproveitou a súa quenda de palabra para poñer énfase na precarización das labregas e dos labregos e tamén dos e das asalariadas agrícolas. “Cada pouco vemos informes das condicións de explotación que viven, traballando arreo, poñendo en risco a súa saúde, infravivindo”, exclamou a eurodeputada galega.

Por estes motivos, a membro de AGEe pediulle á Comisión este martes que retirara da Política de Competencia “toda norma que supoña dificultar ou impedir a negociación colectiva”, e reclamou que “se lle devolva ás organizacións agrarias o seu papel para negociar prezos” e se “deixen de promover novas organizacións de produtores á medida”. Tamén esixiu que se retire de forma definitiva a prohibición de establecer prezos mínimos.

Rubens Rocha

Lídia Senra esixe á CE non volver chantaxear máis a ningún pobo cos Fondos Estruturais e de Investimento

ilcanallarubens_Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa_2014

Reclama ás institucións europeas priorizar a loita contra o desemprego, a pobreza e a exclusión social, non a imposición de políticas de axuste

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), interviu este martes pola mañá en Bruxelas na que foi a primeira reunión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo despois das vacacións do verán. Senra pediu quenda de palabra para, no debate sobre “Investir en crecemento e emprego. Maximizar a contribución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeo”, lanzar un chamamento antes de que case comezase o debate. “Estou de acordo en que este é un debate moi importante que hai que dar e no que nós por suposto tamén imos aportar na medida das nosas posibilidades”, dixo, “pero antes de nada gustaría propoñer que un dos primeiros puntos que deberiamos incluír neste debate é que baixo ningún concepto a comisión poida usar os Fondos Estruturais e de Investimento como chantaxe aos Estados”.

A eurodeputada galega fixo mención na súa intervención en Bruxelas á situación vivida un mes, cando “coñecemos que a Comisión Europea ameaza a Portugal e ao Estado español con suspender os Fondos de Investimento e Estruturais se estes Estados non cumpren cos obxectivos impostos de axuste orzamentario e sen ter en absoluto ningunha consideración sobre cal é a situación de crise que os nosos pobos están atravesando e como está a impactar a crise no desemprego, no medio rural, no aumento da pobreza e da exclusión social”, defendeu. Ante esta situación, Lídia Senra fixo un “chamamento” a todas as eurodeputadas e eurodeputados para que “teñamos a capacidade e a valentía de dicirlle á Comisión que non xogue, que non ameace e que non chantaxee aos pobos de Europa”.

Rubens Rocha