Archivos por Etiqueta: CIG

Rolda de asembleas nos centros sanitarios de Galicia

ilcanallarubens_asembleas-informativas-sanidade_-dereitos-laborais-_-recortes-_-2017

Os sindicatos, como anunciaron o pasado día 1 en Santiago, inician unha rolda de asembleas nos centros sanitarios de Galicia.

En Vigo, a primeira será o martes día 7 ás 11 horas no Hospital do Meixoeiro. O venres no Hospital Álvaro Cunqueiro ás 11 horas e o Luns 13 será no Nicolás Peña ás 11 horas.

Nas asembleas INFORMARAN das suas demandas de recuperar o recortado nos últimos anos os traballadores-as do SERGAS e da decepcionante reunión co conselleiro de sanidade Vázquez Almuiña, así como das primeiras medidas de presión-mobilización.

Cartaz

cartaz-asembleas-informativas-sindicatos-sanidade_vigo_2017

 

 

Anuncios

O que non se di sobre a recente ampliación a catro semanas do permiso de paternidade

icr_leipaternidade_2017_

A Secretaría das Mulleres da CIG denuncia que a ampliación a catro semanas do permiso de paternidade non contempla a ampliación do permiso nos supostos de familia numerosa nin cando na familia haxa unha persoa con diversidade funcional, ou ben sexa o fillo ou filla biolóxica, adoptada ou acollida quen a padeza.

Desde o 1 de xaneiro de 2017 entra en vigor o mandato da Lei Orgánica 3/2007 para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes que recollía na súa Disposición Transitoria Novena que se ampliaría de forma progresiva e gradual a duración deste dereito até alcanzar as catro semanas aos seis anos da entrada en vigor da lei.

En 2009 fixouse esta ampliación para o ano 2011 e, desde entón, ficou aprazada sen que se recollera nos orzamentos do Estado, aludindo o elevado impacto da medida ao non dispoñer de cartos para aplicala. E así quedou adiada durante os anos 2014, 2015 e 2016.

A ampliación aprobouse no marco da  prórroga dos Orzamentos Xerais do Estado. De feito, se acudimos á Seguridade Social, remiten ao contido da Lei 9/2009, de 6 de outubro, de ampliación da duración do permiso de paternidade nos casos de nacemento, adopción ou acollida, onde se recolle a  Modificación do Artigo 48 bis do RDL 1/1995, de 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do E.T.

Tras diversas consultas da afiliación nos departamentos técnicos da CIG, puidemos comprobar como desde o Ministerio de Emprego interpretan que a regulación definitiva do permiso de paternidade vén recollida no artigo 48 do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, que non prevé a ampliación do permiso nos supostos de familia numerosa ou cando na familia haxa unha persoa con discapacidade ou sexa a a crianza adoptada ou menor acollido/a quen a padeza.

Isto supón, xa que logo, que se equiparan a 28 días os permisos de paternidade de calquera tipo de familia independentemente de se estas son numerosas ou non, ou teñen discapacidade.

Acadar a corresponsabilidade

Alén disto, seguen sen adoptarse por parte dos distintos gobernos da Xunta e do Estado medidas reais dirixidas a acadar a corresponsabilidade nos coidados, comezando por poñer o acento na propia responsabilidade do Estado, que debía garantir o coidado das persoas dependentes, ben sexan crianzas menores de tres anos ou persoas de avanzada idade ou con diversidade funcional, que precisen de atención continuada dentro do marco dos servizos públicos.

Non se deron durante estes anos de crise económica, nin nun contexto de avance da violencia machista, pasos decididos a combater o patriarcado desde os poderes públicos, comezando por unha nova lei coeducativa en igualdade e pasando pola modificación daqueles marcos lexislativos que, ou ben non conteñen unha avaliación do impacto de xénero destas políticas, ou ben afondaron na desigualdade e aumentaron a fenda de xénero (reforma das pensións, reformas laborais, lei de dependencia, lei de igualdade, lei contra a violencia machista…).

E segue a demorarse a ampliación da duración do permiso de maternidade, que segue sendo de 16 semanas, claramente insuficiente, e que sitúa as mulleres galegas oito postos por debaixo dos países europeos a nivel comparativo.

Gasto público insuficiente

De feito, tal e como denunciamos o pasado 13 de decembro (co gallo da proposta de rematar a xornada laboral ás 18 horas), as políticas de conciliación postas en marcha até o de agora nin foron acompañadas dun gasto público suficiente, nin afondaron nas orixes do problema da conciliación, como son as desigualdades sociais e culturais dentro e fóra do ámbito doméstico.

Desde a CIG instamos aos gobernos do Partido Popular a realizar os investimentos que sexan necesarios para afondar na corresponsabilidade, para eliminar as fendas existentes entre mulleres e homes e para realizar as reformas lexislativas precisas para combater a desigualdade e o machismo imperante nesta sociedade. Non pode haber pacto social cando o estamento que o propón publicamente recorta os dereitos da clase traballadora deste país.

Ducias de solidarios/as rexeitan en Vigo o enxuizamento de 25 activistas saharauís

2016-12-26-actosolidarioxuizosaharamarrocosvigo03

Organizacións sindicais, políticas e sociais esixen a anulación das condenas e a súa liberación

Varias ducias de persoas participaron hoxe en Vigo nun acto convocado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahui co apoio de distintas organizacións sindicais, políticas e sociais -entre elas a CIG- para rexeitar o enxuizamento de 25 activistas saharauís por parte de Marrocos. Os solidarios/as concentráronse diante do Marco coincidindo coa celebración do proceso xudicial e reclamaron a eliminación das anteriores condenas e a posta en liberdade dos acusados/as.

A mobilización desenvolveuse ás portas do Marco entre as 11.00 e as 11.30 horas, onde varias ducias de persoas despregaron bandeiras da República Árabe Saharahui Democrática (RASD) e berraron consignas de apoio aos activistas procesados/as. “Sahara liberdade, Polisario vencerá” ou “Marrocos culpábel, España responsábel” foron as palabras de orde máis escoitadas durante unha protesta coa que os solidarios/as reclaman a anulación das anteriores condenas impostas polo Reino de Marrocos e esixen a inmediata posta en liberdade dos afectados/as.

O acto rematou coa lectura dun comunicado conxunto por parte de Sefi Romero, da CIG de Vigo, e coa intervención da presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharahui, Maite Isla, e dos representantes das distintas organizacións participantes. Todos /as coincidiron tamén en demandar o cese da ocupación marroquí e que se cumpran as resolucións internacionais, “fixando xa unha data para o referendo de autodeterminación ao que o pobo saharauí ten dereito”.

Fotos do Acto

Despiden o ano cun novo acto en solidariedade con Carlos Rivas e Serafín Rodríguez

ilcanallarubens_carlos-e-serafin_indulto-xa_concentracion-22d_vigo_2016-758x426

As centrais sindicais participaron hoxe na concentración de apoio a Carlos e Serafin, tivo lugar esta tarde noite as 20h na farola da rúa Urzaiz, en Vigo. Desde as centrais se manifestan decindo “calquera de nós pode atoparse nunha situación similar en calquera momento”.

As centrais CIG, CCOO e UGT remataron o ano cunha nova mobilización en solidariedade con Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores vigueses condendos a tres anos de prisión por participar na folga provincial do transporte en 2008.

A CIG, CCOO e UGT despediron 2016 cunha nova mostra de solidariedade cos dous traballadores inxustamente condenados e que levan máis de tres anos agardando por un indulto que non dá chegado e que os mantén -tanto a eles como ás súas familias- nunha situación de incerteza. Os tres sindicatos continuarán a reclamar unha medida de graza que evite a entrada en prisión de dúas persoas que o único que fixeron foi defender os seus dereitos e os dos seus compañeiros/as do sector do transporte, esixen o indulto imediato.

Empregados/as de Segur Ibérica protestan na estación de tren de Guixar para esixir o pago das débedas

2016-12-22-protestaimpagosseguribericaguixarvigo00-758x426

Un grupo de empregados/as e delegados/as sindicais da CIG na empresa Segur Ibérica desenvolveron onte unha nova concentración para reclamar o pago dos salarios, das pagas extras e das liquidacións pendentes e para rexeitar o ERE. Nesta ocasión trasladaron as súas protestas até a estación de tren de Guixar, en Vigo, xa que o Adif é un dos clientes da compañía de seguridade.

Os afectados/as, convocados/as pola CIG-Servizos, mantivéronse por espazo dunha hora ás portas da estación de ferrocarril, onde despregaron unha faixa reclamando o pago das débedas e rexeitando o ERE presentado pola empresa. Dende a central explican que no día de onte tivo lugar unha nova xuntanza coa dirección, que decidiu ampliar o período de consultas do ERE até o vindeiro día 28, cando terá lugar outra nova reunión entre as partes.

Segundo as cifras que manexan os sindicatos, o ERE afectará a un total de 321 traballadores/as no conxunto de Estado, dos que 156 son de estrutura e 165 vixilantes. Deste xeito, a compañía pasará de ter un cadro de persoal de 4562 persoas cando comezou o ERE a 3500.

Solidariedade do persoal do Adif e de Renfe

Por outra banda, os comités de empresa do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e de Renfe en Pontevedra emitiron un comunicado solidarizándose co cadro de persoal de Segur Ibérica, ao tempo que lle esixen á compañía que “respecte os seus traballadores/as”, regularice o pago das nóminas e abone puntualmente os salarios.

Ademais, lémbranlle ao Adif que unha sociedade pública non pode manter a licitación dun servizo con empresas que incumplen sistematicamente a lexislación en materia de dereitos laborais. “Sabendo que está aberto o proceso para unha nova licitación en 2017, instamos a tomar as medidas legais oportunas contra a adxudicataria do servizo de seguridade esixíndolle que cumpra os compromisos cos empregados/as, respecte o convenio colectivo e regularice a situación de impago de salarios”.

Finalmente, reclámanlle ao Adif que no caso de que Segur Ibérica non atenda estas demandas estude deixar de abonar a prestación do servizo e que proceda incluso a rescindir o contrato de xeito inmediato.

Empregados/as de Segur Ibérica levan a súa loita polo cobro de salarios aos centros de traballo de Vigo

ilcanallarubens_empregadosas-de-segur-iberica_alvaro-cunqueiro_concentracion-20d_2016-758x426

Un grupo de traballadores/as e delegados/a sindicais da CIG en Segur Ibérica desenvolveron no día de onte unha concentración na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para reclamarlle á empresa o pago dos salarios, das pagas extras e das liquidacións pendentes. Para este xoves teñen prevista unha nova mobilización, esta vez ás portas da estación de tren de Adif en Guixar.

Dende a federación de Servizos da CIG adiantaran hai pouco máis dunha semana que convocarían mobilizacións en Vigo no caso de que Segur Ibérica, que presentou concurso voluntario de acredores, non liquidase as débedas pendentes co seu cadro de persoal. Deste xeito, hoxe levaron a cabo a primeira das protestas, que consistiu nunha concentración na entrada principal do hospital Álvaro Cunqueiro, xa que a empresa ten a concesión do servizo de vixilancia do Chuvi.

O grupo de traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG despregaron unha faixa reclamando o pago dos salarios e berraron consignas instando a Segur Ibérica a abonar as débedas pendentes. Aproveitaron a protesta para repartir folletos informativos nos que se explica o conflito laboral que manteñen dende hai varios meses e que está a afectar a persoal doutras zonas do país.

Para este xoves día 22 teñen convocada unha nova protesta, esta vez ás portas da estación de ferrocarril de Adif -que tamén é cliente de Segur Ibérica- en Guixar a partir das 11.00 horas.

A CIG, disposta á folga xeral se non se derrogan a lei mordaza e as reformas laboral, da negociación colectiva e das pensións

ilcanallarubens_folga-xeral_incertidubre_2016

Inicia un proceso de acumulación de forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e condicións de vida dos traballadores/as

A CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas para analizar as consecuencias das “contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a recuperación de dereitos perdidos.

“Iniciamos un proceso de acumulación de forzas e estamos dispostos a tirar para adiante cunha folga xeral se non se avanza nesa liña”. Así o aseguraba o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, na concentración celebrada diante da Subdelegación do Goberno en Ourense, onde vinculou a recuperación de dereitos e a creación de emprego con salarios e condicións de traballo dignas á “derrogación inmediata” de todas as reformas impostas so pretexto da crise económica, nomeadamente as laborais, a da negociación colectiva, as das pensións e a coñecida como lei mordaza.

Táboa reivindicativa

O secretario xeral da CIG explicou que a central sindical ten acordado darlle continuidade ás mobilizacións que hoxe comezaron en todas as comarcas nos próximos meses. Avanzou ademais que xa se está traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán todas as demandas e propostas básicas para mudar a actual situación.

“Basearemos esas propostas en dous documentos que xa temos debatido e publicado, un no que se recollen as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego en Galiza e outro no que se contemplan toda unha serie de propostas en materia laboral e social para a nova lexislatura”

Seixo sinalou que é necesario aproveitar a actual conxuntura política, cun goberno do PP en minoría no Congreso onde “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, prestacións por desemprego, condicións laborais e pensións-“ esas reformas.

En todo caso, augurou que o PP, malia estar en minoría, intentará utilizar “todos os mecanismos ao seu alcance” para non mudar absolutamente ningunha das súas “políticas antisociais e antiobreiras”.

Por iso, afirmou que é “fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”. Presión que ten que ir dirixida fundamentalmente ao PP, pero tamén a aqueles grupos do Congreso español que son reticentes a estes cambios.

Neste sentido, adiantou a disposición da CIG a chegar até as últimas consecuencias e non descartou mesmo recorrer á “folga xeral” se non se dá ningún avance.

Sistema de pensións

Alén destas cuestións, nas asembleas abordouse tamén a situación na que se atopa o actual sistema público de pensións e o debate que se está a dar arredor da súa viabilidade futura. Sobre esta cuestión valorouse a necesidade de que se adopten todas as medidas necesarias para garantilas como un dereito básico e incidiuse na necesidade de crear emprego con dereitos e salarios dignos.

O secretario xeral da CIG lembrou ademais que a CIG xa leva meses desenvolvendo unha campaña organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da central sindical á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro.

Mobilizacións que acordará o propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”, sinalou.

Ilegalización de Causa Galiza

Ao remate das asembleas deuse lectura a un comunicado en denuncia da ilegalización de Causa Galiza. A CIG, que xa manifestara no seu momento a súa solidariedade con esta organización política independentista, que foi suspendida de actividade durante dous anos, o que na práctica equivale á súa ilegalización e reiterou hoxe o seu compromiso coa defensa dos dereitos civís e políticos e contra a persecución ideolóxica do independentismo.

Adiantar a saída do traballo ás 18 horas para conciliar: unha medida de márqueting político irreal e insuficiente

ilcanallarubens_xornada-laboral-ata-as-18h_2016

A Secretaría da Muller denuncia a hipocrisía dun goberno que mantén medidas tan lesivas para a clase traballadora como a reforma laboral

O anuncio da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, anunciando que buscará un Pacto de Estado para a conciliación e a racionalización dos horarios de xeito que a xornada laboral finalice ás 18 horas, pode parecer positivo e necesario, xa que é unha demanda  sostida no tempo pola nosa central sindical. Mais é insuficiente e pouco realista, tendo en conta a situación actual das relacións laborais.

Desde a CIG denúnciase a hipocrisía e a incoherencia por parte do mesmo goberno que mantén en vigor leis tan lesivas para os dereitos das traballadoras e dos traballadores como é a reforma laboral, a reforma das pensións, a lei mordaza ou os recortes en servizos públicos, en dependencia e igualdade de oportunidades para as mulleres e os homes.

Fálase dun pacto social, cando a patronal pode distribuír de xeito unilateral até o 10% da xornada laboral anual

Falar dun pacto social que adiante a saída do traballo ás 18 horas cando a meirande parte das traballadoras e dos traballadores realizan máis horas que as estipuladas na súa xornada laboral ou cando a patronal pode distribuír unilateralmente até o 10% da xornada laboral anual, semella imposibilitar o diálogo.

Xunto a isto non hai que perder de vista que en boa parte das empresas deste país persiste unha cultura empresarial que concibe como un custe económico importante o feito de aplicar políticas de conciliación e medidas flexibilizadoras do tempo do traballo e que a maior parte das solicitudes de redución de xornada por coidado son denegadas pola patronal ou obteñen como resposta unha situación de persecución e acoso laboral.

Aínda hoxe segue a ser dominante unha cultura empresarial que prima a presenza física no lugar de traballo en vez da consecución dos obxectivos e existe un mal emprego das tecnoloxías, que aínda seguen a ser empregadas ao servizo da produción e non ao servizo das persoas.

O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios das persoas

O traballo segue a ser o centro sobre o cal xiran os horarios das persoas, derivando todo isto nunha sensación de falta de control persoal da xestión do propio tempo, o cal leva consigo desigualdades entre mulleres e homes.

A proposta non parece ir conectada con medidas de corresponsabilidade

Asemade, a proposta de flexibilizar a xornada laboral para conciliar mellor o tempo destinado ao traballo asalariado e o traballo de coidados e do fogar, non parece ir conectada con medidas de corresponsabilidade dirixidas a que o peso dos coidados non siga a recaer de xeito maioritario nas mulleres.

Desde a CIG levamos anos alertando da maquillaxe que supón implantar fórmulas de flexibilidade laboral xa que, normalmente, agochan o impacto de xénero, sen ter en conta, por exemplo, que as mulleres son maioritarias no mercado laboral e no desempeño de traballos a tempo parcial, e dado que o que se flexibiliza non é a xornada senón as condicións laborais e, en definitiva, os seus dereitos.

Xornadas laborais extensivas e non intensivas

A concepción europea de traballar só até ás 17h, tendo o resto do tempo libre para gozalo na esfera persoal, contrasta coa realidade do noso país, que amosa, na práctica, xornadas laborais que comezan ás 8:30h ou as 9h, fan un parón para xantar ás 13h ou 13:30h, retoman a actividade ás 16h e rematan ás 20h ou 21h. Isto, sen entrar a valorar os horarios das grandes superficies comerciais, ou da hostalería, a apertura en festivos, etc.

Non se realiza un esforzo institucional serio e decidido por ires ás orixes do problema da conciliación

As xornadas laborais que existen en Galiza son extensivas e non intensivas. Estas xornadas prolongadas prexudican a calidade de vida do persoal e non son rendíbeis para as empresas. Por iso consideramos que ás traballadoras e aos traballadores se lles debería valorar polos resultados, xa que as horas de presenza non garanten unha maior eficiencia.

A isto hai que sumarlle que as políticas de conciliación postas en marcha até o de agora non foron acompañadas dun gasto público suficiente. A pesar das melloras lexislativas, non se ten realizado un esforzo institucional serio e decidido por ires até as orixes do problema da conciliación, como son as desigualdades sociais e culturais dentro e fóra do ámbito doméstico.

A problemática da conciliación constitúe un serio problema para os traballadores e as traballadoras -fundamentalmente para estas- que se tratou de afrontar desenvolvendo estratexias diversas de carácter privado, sustentadas principalmente na rede familiar.

Unha proposta que contrasta coas políticas de recortes impostas polo PP

Estas estratexias paliaron de algún modo uns efectos que aínda así foron moi lesivos para a clase traballadora, como os derivados dos recortes realizados polo goberno do PP no investimento público, que provocaron o deterioro dos servizos e a destrución de emprego; ou a posta en marcha dunha reforma laboral aínda vixente que facilitou máis o despedimento e a redución dos salarios, que precarizou e desregulou as condicións de traballo, que fomentou o uso de contratos lixo de formación e aprendizaxe até os 30 anos, que permitiu que foran as empresas e non as persoas as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución de xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limitou que esta redución se realizase só na xornada diaria.

O PP non aplicou a ampliación a 4 semanas do permiso de paternidade nin a duración da prestación de maternidade

Efectos dun goberno que aprobou orzamentos que non contemplaron o acordo de ampliación a 4 semanas do permiso de paternidade (que debería de ser unha realidade dende hai anos), nin a ampliación da duración da prestación de maternidade actual ou do permiso de lactación, claramente insuficiente; que conlevou a conxelación dos salarios do sector público; ou a moratoria na posta en marcha da lei de dependencia.

O mesmo partido político que anuncia o pacto social nesta materia respondeu á folga xeral arroupada de xeito masivo polos traballadores e traballadoras, con recortes no gasto público social no ensino público (aumentando o rateo do alumnado por aula, despedindo ao profesorado e autorizando a suba das matrículas universitarias), e instaurando o re- pago ou co- pago farmacéutico cunha decisión inxusta e antisocial que afectou sobre todo ao colectivo de pensionistas, e por tanto, sobre todo ás viúvas.

Mais ningunha das medidas que puxeron en marcha daquela obtivo o preceptivo informe de impacto de xénero, cuestión que denunciamos unha e outra vez en cada un dos exercicios.

Implantar unha xornada laboral máxima de 35 horas semanais

Se realmente o goberno quere reverter a situación debe dar os pasos que sexan precisos para proceder á derrogación da reforma laboral, que vaia parello a unha nova lexislación laboral e social que nos restitúa nos dereitos perdidos como consecuencia das contrarreformas, e nos favoreza en dereitos e regulacións novas que melloren as nosas condicións de vida e de traballo e nos fortalezan como clase diante do capital.

Racionalizar os horarios de traballo debe ir parella á redución da xornada máxima laboral a 35h semanais

A proposta de racionalizar os horarios de traballo debe ir parella á redución da xornada máxima laboral a 35 horas semanais, como medida de reparto do traballo, favorecendo a seguridade e a estabilidade no emprego, así como a asunción de responsabilidades familiares en igualdade.

A CIG mantén a reivindicación estratéxica de facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación do mundo do traballo en Galiza. Nese marco, estaríamos en condicións de formular propostas ao respecto da racionalización dos horarios, algunhas das cales xa foron transmitidas pola nos central ao Parlamento Galego.

A CIG lanza unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos laborais e sociais

2016-12-23-rp-campana-mobilizacions-758x426

O secretario xeral da CIG , Suso Seixo, compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, para anunciar unha campaña de mobilizacións pola recuperación de dereitos laborais e sociais que, polo momento, se traduce na convocatoria dunha manifestación nacional en Compostela, o 28 de xaneiro, en defensa das pensións; concentracións comarcais o 14 de febreiro e mobilizacións o 10 de marzo, sen descartar cara os meses de abril ou maio a convocatoria dunha folga xeral.

Seixo lembrou os dereitos laborais e sociais que se perderon nos últimos anos a consecuencia das últimas reformas en materia laboral, de negociación colectiva, de pensións e mesmo de liberdades públicas. Reformas que provocaron unha enorme precarización das condicións laborais, tanto pola devaluación dos salarios que se produciu, como pola perda de calidade do emprego, cun incremento significativo da flexibilidade da xornada laboral e con contratos a tempo parcial que “agochan moitas veces unha contratación fraudulenta xa que unha cousa é o número de horas que figuran no contrato e outra as que realmente se fan”, denunciou.

Sinalou como proba diso o relevante incremento do número de horas extraordinarias que se están a facer que nin se cobra, nin se cotizan e denunciou o descolgue de moitas empresas dos convenios colectivos. “Hoxe, ademais das dificultades que hai para negociar os convenios, moitos están decaendo como consecuencia de reducir a una ano a ultraactividade”

A isto engadiu o deterioro dos servizos públicos e os problemas derivados da suba do subsidio de desemprego de 52 a 55 anos, pasando ademais de ser un dereito individual a vinculalo á renda familiar o que deixou a xente maior de 55 anos “nunha situación dunha enorme dureza  a nivel persoal porque ten moitas dificultades para ter uns ingresos mínimos que lles permitan entrar nunha idade na que se podían xubilar”.

Novo escenario político

O secretario xeral da CIG explicou que isto fíxose tendo o PP tiña maioría absoluta o que posibilitou que se puideran impor todas estas reformas e mesmo en moitos casos satisfacer reivindicacións históricas da patronal que aproveitaron esa maioría absoluta para que se efectivizaran, como todo o que ten que ver coa reforma da negociación colectiva.

Porén, “é evidente que esa non é a situación actual”, afirmou e engadiu que hoxe “o PP está gobernado sen maioría absoluta”. Por iso a CIG entende que este novo escenario político pode permitir tirar abaixo moitas das reformas que se fixeron e recuperar dereitos perdidos. “É certo que isto vai depender moito da entente que está habendo entre o PP e o PSOE e non sabemos até que punto o PP está disposto a facer concesións ao PSOE, nin sabemos até que punto o PSOE está disposto a chegar algún tipo de pactos co PP que lle permitan gobernar sen facer  grandes cambios en algo que hoxe a maioría da sociedade reclama tano en materia de pensións, como de condicións laborais, como de liberdades públicas”.

Batería de reivindicacións

Seixo tamén apuntou toda unha batería de reivindicacións que a CIG quere trasladar ás diferentes administracións co respaldo da mobilización social e que  se concretan, ademais de na derrogación de todas esas reformas, na da LOMCE e a do artigo 315.3 do Código Penal, que “está sendo utilizado polo poder para impor fortes sancións a membros dos piquetes, por suposto atentado do dereito ao traballo con solicitudes de penas que van de tres anos de cadea para arriba”.

Xunto a iso, a central sindical demanda a eliminación das subvencións xenéricas á contratación, que ademais entende que están contribuíndo a baleirar o Fondo de Reserva que das pensións; a eliminación da contratación a tempo parcial de carácter involuntario ou as subcontratacións en cadea, que se están utilizando precisamente desde as grandes empresas para externalizar emprego e para precarizar as condicións laborais.

Tamén pide a supresión do IPREM, como índice de referencia para acceder ás prestacións públicas e que se tome como referencia a eses efectos o SMI; a creación dun salario de inserción laboral, demanda histórica da CIG, para toda aquela xente estea no desemprego e non cobre ningún tipo de prestación e o incremento do SMI ao 60% do salario medio, “polo tanto por enriba do que se pactou, entendemos que tiña que estar en torno aos 800€”.

Seixo defendeu a necesidade dunha nova política fiscal coa que paguen máis quen máis teñen vinculada aos impostos directos , sobre a renda, e non co incremento dos impostos indirectos, como se fixo nos últimos tempos e camiñar cara a implantación ou constitución de bancas públicas que apoien unha nova política crediticia para as familias e pequenas empresas.

A CIG tamén reclama a redución da xornada laboral a 35 horas e apoio aos sectores produtivos.

Non se descarta recorrer á convocatoria de folga xeral

 O secretario xeral da CIG asegurou que se tras esta campaña de concienciación e de acumulación de forzas non se aproban no Congreso medidas que permitan a recuperación de dereitos perdidos “non descartamos, cara o mes de abril ou maio promover unha nova convocatoria de folga xeral a nivel de Estado que pretendemos poñer en común co resto de organizacións sindicais. Parécenos que non podemos desaproveitar o momento no que a dereita e o PP non teñen maioría absoluta”.

Sanidade privada: beneficios millonarios pero incrementos salariais de “miseria”

ilcanallarubens_2016-11-08-acorunha-mobilizacionconvenioprivada-sanrafael-2016

As organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO retomaron esta semana as mobilizacións contra o bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo da sanidade privada da Coruña, cunha protesta no Hospital San Rafael, no se realizou tamén un reparto de folletos para informar do conflito ás usuarias e usuarios deste centro.

As negociacións, explica o delegado da CIG e voceiro do colectivo, Milton Pérez, están totalmente bloqueadas porque a patronal “se nega a entrar a calquera tipo de negociación que non sexa o incremento salarial do 0,625% para 2016, 2017 e 2018. Isto supón hipotecar o futuro das traballadores e dos traballadores para os próximos tres anos. Por iso continuamos hoxe coas medias de presión para que a patronal sente a negociar un convenio digno”.

A patronal négase unha e outra vez a un incremento dos salarios de máis do 0,625% anual”

Neste senso, apuntou que dende que comezaron as negociacións a principios de ano, a representación social, co ánimo de chegar a un acordo “foi facendo concesións”, rebaixando a petición de incremento salarial até o 1,8% anual e renunciando a outras melloras laborais.

“Pero a parte empresarial négase unha e outra vez a un incremento dos salarios de máis do 0,625% anual e non acepta nin tan sequera que os permisos por enfermidade ou por falecemento se concedan en días hábiles e non solapando as libranzas semanais que xa corresponden por dereito as traballadoras e traballadores”, critica. Melloras sociais, subliña, que non suporían ningún custe económico ás empresas.

Incremento dos beneficios empresariais

En canto ás retribucións no sector, Pérez informou que os salario bruto para un/unha enfermeiro/a está nos 1.002,76€/mes, nos 841,05€ para un/unha auxiliar de enfermaría ou nos 755,33€ para un /unha pinche de cociña, limpador/a, etc. Uns salarios que cualificou de “miserábeis”, tendo en conta que “estes hospitais privados están recibindo un cantidade importante de doentes derivados/as do SERGAS e que cada ano incrementan a súa facturación”.

Só no ano 2012, os hospitais privados de Galiza facturaron uns 300 millóns de euros”

Sobre o negocio que supón a sanidade privada, mencionar que xa no ano 2012, os hospitais privados de Galiza facturaron uns 300 millóns de euros. “E ao tempo que incrementan beneficios pretenden reducir o persoal para facer o mesmo traballo e recortar os salarios”, censura.

“As e os profesionais da sanidade privada merecen e teñen dereito a que os beneficios empresariais tamén repercutan nun incremento digno dos seus salarios e nunha mellora das condicións laborais”, aseverou.

Por iso, continuarán coas mobilizacións ao longo desta semana en diferentes centros.