Archivos por Etiqueta: Toponimos

Os nomes da cidade

marea-de-vigo_os-nomes-da-cidade_vigo_2017

A cidade é un palimpsesto. Está composta de sucesivas vagas de poboación, arquitectura e modos de vida que se van superpoñendo como capas de arxila.

Unha desas capas, unha capa que nos permite, en moitos casos, acceder a outras moito máis antigas, a constitúen os nomes de lugar, os topónimos.

Na cidade de Vigo, a toponimia inclúe e vai máis alá do nome oficial das grandes rúas e avenidas. Hai tamén unha toponimia e unha microtoponimia vencellada ao Vigo do pasado: o Vigo da pesca tradicional e o agro, o Vigo das parroquias e dos montes; e hai, ademais, unha toponimia que se afinca no máis afastado do tempo, en idades menos documentadas historicamente, a través dos vestixios de linguas prerromanas que perviviron no galego e na rica autonomía que deixou a nosa lingua.

A toponimia é un valor cultural, un patrimonio inmaterial e unha cartografía para saber quen somos, de onde vimos e cara onde queremos ir.

Convido, a través desta charla, a descubrir con nós este tesouro que son os nomes da cidade.

Día: Martes 7 de Marzo de 2017

Lugar: Rúa Camelias 85

Hora: 20:00 horas

Cartaz

cartaz-marea-de-vigo_toponimia_vigo_2017

Anuncios

Educación vulnera a Lei de Normalización Lingüística usando topónimos deturpados e ilegais nos mapas de localización de centros

ilcanallarubens_educacion-vulnera-a-lei-de-normalizacion-linguistica-_2016-758x421

A Consellaría de Educación vulnera a Lei de normalización lingüística no seu portal web, ao utilizar para a localización dos centros de ensino mapas que deturpan topónimos e que son utilizados na súa forma ilegal, barbaramente españolizados. A CIG-Ensino exixe a súa corrección inmediata en cumprimento da lexislación vixente.

Quen acceda a este recurso comprobará que o mapa enlazado pola Consellaría recolle topónimos aberrantes como: Tuy, Bayona, Sanjenjo, Villagarcía, Noya, Rianjo, Puentecesures, Carballino, Allariz, Orense, Ginzo de Limia, Piedrafita del Cebrero, Puerto Marín, Villalba, Valle de Oro, El Ferrol, La Coruña, Arteijo, Lage, etc. tal e como se comproba na imaxe extraída do portal esta mesma mañá e que achegamos con esta nota de prensa, ou nesta ligazón, na que se poderá ampliar o mapa e atopar todas estas barbaridades: https://www.edu.xunta.es/centroseducativos/

Para o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, a actitude da Consellaría neste aspecto: “vai máis alá do desleixo e do máis absoluto desprezo. É incríbel que a mesma Consellaría que integra a Secretaría Xeral de Política Lingüística e ten o cometido de velar pola nosa lingua manteña esta imaxe pública vergonzosa”.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Cultura e Educación incumpre o artigo 10 da Lei de normalización lingüística que prescribe o seguinte a respecto dos topónimos galegos:

“Artigo 10

1. Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.

2. Correspóndelle á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorio, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.

3. Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galiza regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.” 

Anxo Louzao conclúe manifestando que: “a CIG-Ensino esixe que a Consellaría corrixa esta situación de inmediato e proceda a substituír estes mapas de localización; que asuma o mandato legal de promover a normalización lingüística e que cese co incumprimento da lei.