Archivos por Etiqueta: Turín

Unha planta de tratamento de augas obtén delas enerxía

 

Unha planta italiana de tratamento de augas residuais obtén delas un terzo da enerxía que necesita.

A planta para o tratamento de augas residuais de Collegno, en Turín, converteuse na maior instalación do mundo en aplicar a tecnoloxía SOFC (de combustible de óxido sólido). Grazas a ela, das augas residuais de 180.000 persoas que van parar a estas instalacións obterase biogás co que se cubrirá o 30% da demanda enerxética da planta para operar, ademais de practicamente todas as súas necesidades térmicas.

Por tamaño e funcionalidade, a planta é única no mundo”, asegura Convion, unha das participantes neste proxecto pioneiro, bautizado como DEMOSOFC, nun comunicado. Nel, a firma especializada na tecnoloxía que se acaba de inaugurar nesta planta subliña a importancia que terá capturar o valor enerxético dos residuos para avanzar cara á independencia enerxética e cara aos obxectivos de redución de emisións. Para iso, a innovación que funciona xa en Turín opera sen impacto algún para a calidade do aire.

A posta en marcha o 31 de outubro destes sistemas en Collegno permitirá que tres módulos SOFC que operan na planta xeren ata 175 kW eléctricos. Ademais de achegar practicamente un terzo do que as instalacións necesitan para funcionar, o sistema aproveita os gases quentes que se xeran para cubrir boa parte das necesidades térmicas. Respecto ao biogás, que alcanza unha eficiencia do 53%, a planta inclúe unha unidade na que, dentro do tratamento das augas residuais, a materia orgánica é dixerida a través dun proceso anaeróbico. De aí obtense o biogás que, tras pasar por un procedemento de absorción, queda libre de materias contaminantes como o sulfuro de hidróxeno.

Antes de que se proceda a esta limpeza, tal e como explican os participantes no proxecto, o biogás arrefríase para garantir os parámetros de operación óptimos respecto ao carbono. De aí, o biogás comprímese e analízase, para pasar a alimentar un contolador de caudal instalado na unidade SOFC (COMBUSTIBLE).

Con todo isto, as instalacións para tratar as augas residuais de Collegno convertéronse en pioneiras no uso duns sistemas de vangarda nos que os seus promotores ven moito potencial. A tecnoloxía, que reutiliza o gas producido no tratamento para lograr que os refugallos se transformen en enerxía, podería aplicarse en plantas de gran tamaño ou en pequenas instalacións. Así, “calquera negocio que produza residuos orgánicos, tanto da industria alimentaria, como hospitais ou granxas, pode sacar proveito” desta tecnoloxía para o aforro nas facturas, e para a redución do impacto ambiental dos seus procesos produtivos ou da súa xestión de residuos.

Cun orzamento de 5,9 millóns de euros, dos que 4,2 foron achegados pola Unión Europea dentro do programa Horizonte 2020, este proxecto está promovido por SMAT, propietaria da planta de tratamento de augas residuais de Collegno, en Turín e a Universidade Politécnica de Turín. Ademais, tamén participan The Imperial College of Science, Technology and Medicine, así como o centro de investigación Teknologian Tutkimuskeskus VTT, de Finlandia, e a empresa tamén finlandesa especializada en tecnoloxía de pilas de combustible, Convion.
Anuncios